Tras os requerimentos da CIG, a consellería de Educación ultima a contratación de persoal de limpeza por acúmulo de tarefas e así atende parcialmente as nosas demandas

A CIG Autonómica celebra, que por fin, a consellería de Educación comprendera que o persoal de limpeza dos centros de ensino tiña unha sobrecarga de traballo inviable , xa que hoxe vén de autorizar unha serie de contratos na modalidade de acumulo de tarefas ata xuño do vindeiro ano. Era visto que sen mais persoal é imposible atender a unhos mínimos de limpeza para parar a covid nos nosos centros educativos: a desinfección e a hixienización dos espazos é imposible sen máis medios materiais e sen máis persoal.

Porén e aínda que valoramos a medida tamén recordamos a necesidade dun plan preventivo específico para este persoal con alta probabilidade de contaxio.

Dende a CIG sabemos que a Xunta non cambiou o seu parecer porque si, porque se lle ocorreu agora, senón que vén derivado das accións que dende o pasado maio vimos desenvolvendo na defensa da seguridade e saúde do alumnado e familias dos centros educativos e do seu persoal. Concretamente coa interposición dun conflito colectivo pola modificación substancial das condicións de traballo impostas a este persoal e que terá lugar a finais de novembro e tamén pola denuncia presentada na Inspección de Traballo que xa deu lugar a varios requirimentos da autoridade laboral.

Aínda así, temos que dicir, que non é suficiente xa que este tipo de contratos soamente se autorizaron para algúns centros, non é algo xeneralizado e consideramos que a carga de traballo existe en todos xa que o “protocolo” e as conseguintes medidas que del derivan triplican as tarefas deste persoal.

Por outra banda, tampouco é suficiente que só se reforce o persoal de limpeza e non se faga o mesmo co persoal de cociña que segundo declaracións da propia consellería o pasado fin de semana pretenden solucionalo co incremento (insuficiente) de persoal colaborador que participa voluntariamente na atención ó alumnado durante o servizo de comedor. Dende a CIG Autonómica aínda que concordamos co incremento de persoal colaborador insistimos en que non resolve o problema do persoal de cociña profesional que é o que asume tanto a elaboración como a desinfección en todas as novas quendas de xantar establecidas e nos novos espazos habilitados e é garante dun bo servizo nutricional e de seguridade alimentaria.

Dende a CIG aledámosnos pola medida e insistimos no deber de participación da Xunta co persoal empregado publico para analizar a ampliación a tódolos centros tanto do persoal de limpeza como de cociña ou outro necesario neste contexto de pandemia.

Coa saúde non se xoga.