Vai xa para un ano, cando a Xunta de Galiza nos facilitou o famoso "buzón" de postos vacantes para o concurso xeral, retirou varios deles coa desculpa de que se ian amortizar. Xa daquelas a CIG non o creu, pois entre os postos que retiraban estaban varias xefaturas de sección.

Durante a negociación, a CIG solicitou que se incluíran todos os postos que estaban vacantes. A Xunta, a través da súa Dirección Xeral de Función Pública, non aceptou a proposta da CIG, argumentando que os postos a amortizar non podían saír no concurso xa que terían problemas se adxudicaban postos que no medio do proceso eran eliminados. Función Pública responsabilizaba as distintas consellerías, axencias ou entes públicos da decisión de cubrir ou amortizar as prazas. Ata podemos comprender a súa lóxica.

En plena negociación da relación de prazas vacantes a convocar no concurso, atopamos cunha sección que retiraban por proposta de amortización e que para sorpresa de todos e todas, estaba ofertada para cobertura mediante Comisión de Servizos. O posto foi o PXA110000215770077, denominado “xefatura de sección no centro de destino Axencia para a modernización tecnolóxica de Galiza (AMTEGA)”.

A Xunta, mófase do seu persoal

A CIG amosoulle o seu malestar aos negociadores de Función Pública, pois non é lóxico que oferten en Comisión de Servizos un posto que retiran do concurso de traslados porque din que o van a amortizar.

Isto é unha insensatez por parte da Xunta, xa que as Comisións de Servizo, entre outras motivacións, teñen que ser por imperiosa e urxente necesidade de cobertura, estar vacantes e dotadas orzamentariamente.

A CIG exixíulle explicacións a Función Publica e o único que nos dixeron foi que era AMTEGA, neste caso, quen dixo que se ia a amortizar o posto, e que de momento non o fixo.

Nesa relación de postos vacantes tamén se retiraron a praza PXA20000215770013, denominada xefatura de sección de xestión económica no centro de destino Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA), polo mesmo motivo que o anterior, amortización. E cal foi a nosa que fai uns días tamén saíu ofertada en comisión de servizos.

Esta praza tíñana reservada para un amigo adecuado que non chegou ata uns meses despois de publicar o concurso. Por iso con esta praza non foron tan descarados como coa primeira. Isto é un pitorreo.

Rematamos dicindo que a CIG, a maiores da denuncia pública, vai ir ao xulgado para facer valer a normativa, ante esta desvergonzaría de Función Pública, que é a que autoriza a cobertura por comisión de servizos dos postos das distintas consellerías, axencias e demais entes públicos que fan trapalladas e pisan as normativas sobre este tema para reservar as mellores prazas de concurso para cando apareza un amigo adecuado.