A CIG dirixiu escrito á Dirección Xeral de Función Pública e ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, solicitando a implantación do réxime especial de autorización de teletraballo por razón de emerxencia sanitaria previsto no Acordo de teletraballo, en todas aquelas unidades que a día de hoxe aínda non o teñen implantado.

Solicitamos tamén a urxente Avaliación de Riscos Laborais de todos os centros de traballo da Xunta, comezando polos que teñen servizos permanentes de atención directa (residencias, centros de día, escolas, etc..).

A situación de emerxencia sanitaria ven de complicarse nos últimos días por mor da expansión da epidemia, e así o refiren as últimas normas da Xunta (Decreto 3/2021, e Orde do 13 de xaneiro), xunto coa declaración pública do Presidente da Xunta quen manifestou a necesidade da xeneralización do teletraballo para minimizar a trasmisión do virus, polo que non é coherente non ter en conta aos milleiros de empregados e empregadas públicas nos centros da propia Administración Autonómica e os seus desprazamentos para achegarse ao centro de traballo.

O artigo 12 do Acordo de teletraballo aprobado e publicado no DOG do día 7 de xaneiro do 2021, como Orde do 14/12/2020 pola que se publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, establece un réxime especial de autorización por razón de emerxencia sanitaria obrigatoria para as unidades administrativas e que se presenta como a medida colectiva máis eficaz para a prevención deste risco laboral. 

Porén, o servizo público ten que seguir a ser garantido, polo que o sistema de quendas de non coincidencia que posibilita esta regulación do teletraballo e a normativa en materia de Prevención de Riscos Laborais é para a CIG, en todo caso, a actuación prioritaria máis acaída nos centros administrativos.

En consecuencia, a CIG reclama:

A implantación do réxime especial de autorización de teletraballo por razón de emerxencia sanitaria en todas aquelas unidades que a día de hoxe aínda non o teñen implantado.

A urxente Avaliación de Riscos Laborais de tódolos centros de traballo da Xunta comezando polos que teñen servizos permanentes de atención directa (residencias, centros de dia, escolas, etc...)