A Lei 4/2021, de medidas fiscais e administrativas (disposición adicional segunda) dispón que a situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19 constitúe unha causa de forza maior que xustifica, naqueles procesos selectivos convocados ou pendentes de convocatoria ou de provisión que, pola dita causa, non poidan desenvolverse regularmente, a adopción das seguintes medidas:

• A ampliación dos distintos prazos de realización dos exercicios dos procesos selectivos ata que a situación derivada da pandemia permita un adecuado desenvolvemento deles.

• A realización dos exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas, con distintos exercicios sobre o mesmo temario, así como a realización dos exercicios en distintas sedes, distribuíndose as persoas aspirantes da forma que determine o órgano convocante dos procesos, sempre que, en todo caso, quede garantido o respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso ao emprego público.

• A fixación de datas alternativas para a realización de exercicios de procesos selectivos a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por estaren cumprindo unha medida de illamento ou en corentena que teñan prescrita por ser persoa infectada por covid-19 ou contacto estreito, debendo fixarse a data alternativa con garantías de non alteración do desenvolvemento normal do correspondente proceso selectivo.

• A ampliación dos distintos prazos para a resolución dos procesos de provisión.

• A posibilidade de alterar a orde de realización das probas dos procesos selectivos.

• A adopción de calquera outra medida, debidamente xustificada, por proposta da autoridade sanitaria autonómica competente.