A Dirección Xeral de Defensa do Monte activa e desactiva o “periodo extraordinario”

O venres 26 de marzo de 2021 a Dirección Xeral de Defensa do Monte activaba o período “extraordinario” de prestación de servizos para o persoal do SPIF. Neste comunicado xa se establecía algún concepto que xeraba confusión, posto que o V Convenio Colectivo do persoal laboral establece o período de alto risco, non o extraordinario (denominación que si se emprega no caso de axentes e técnicos). Catro días despois, desactivábao.

Non entendemos esa falta de previsión e improvisación por parte da Dirección Xeral, así como tampouco entendemos outras cuestións que están de plena actualidade estes días.

Por un lado, dende a CIG consideramos que a actividade do persoal fixo descontinuo de 6 meses non se debe vincular exclusivamente aos períodos de alto risco de incendios, senón que o incremento do tempo de traballo deste persoal é imprescindible para realizar tarefas preventivas en sentido amplo (tal e como predica o conselleiro) e apoio a traballos de emerxencia no medio natural e rural, ao igual que o resto do persoal. Por este motivo, dende a CIG non solicitamos a incorporación deste persoal a raíz do anuncio da activación do periodo de alto risco inicial. Isto dende a nosa opinión, soamente contribúe a perpetuar aínda máis a teima da Consellería de deixar este persoal coma de apoio ao alto risco (tal e coma figura na RPT).

Neste senso, seguimos a defender a nosa proposta de reordenación do servizo de incendios, que suporía unha ampliación do tempo de traballo de todo o persoal fixo descontinuo do SPIF. Non nos vale a escusa de que non hai máis cartos, tan so hai que empregar os mesmos pero doutro xeito.

A realización das queimas prescritas ten que ser tarefa propia do persoal do SPIF. Esa foi sempre a postura que defendeu a CIG, e levamos tempo reclamando a implantación dun plan estruturado e ordenado destas (xa no ano 2019, por exemplo, levamos esta proposta diante do grupo de expertos nos incendios forestais do Parlamento de Galiza). Un plan para o que non fai falla que veña a UME nen persoal doutros organismos ou ministerios, posto que o persoal do SPIF está plenamente capacitado para a súa realización, e estas forman parte das tarefas preventivas.

Con respecto ás medidas anti-COVID, calquera cambio nestas debería ser obxecto de comunicación e debate nos respectivos Comités de Seguridade e Saúde. Por iso seguiremos solicitando as xuntanzas destes comités.