A Consellería do Medio Rural terá que adaptar o horario e indemnizar ao traballador logo de negarse sequera a negociar tal e como recolle a lei.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificou a sentenza que gañara a CIG no xulgado do social de Ourense en marzo do 2020. Esta sentenza recoñece o dereito do traballador a adaptar a quenda de traballo por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario.

O pasado 5 de decembro 2019, o traballador do SPIF fixera a solicitude de adaptación horaria para poder conciliar a vida familiar e laboral diante da Consellería do Medio Rural. Esa solicitude fíxoa en base ao recollido no Real decreto-lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres no emprego e na ocupación.

O traballador solicitaba unha adaptación da quenda de traballo que lle permitira poder cumprir o horario laboral á vez que axeitar o horario ás responsabilidades familiares, tal e como recolle o decreto.

O 14 de xaneiro de 2020, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, dera resposta negativa á petición, motivo polo que acudiu ao xulgado para defender un dereito fundamental acollido pola norma.

No articulado dese decreto recolle o dereito do traballador a solicitar a adaptación da duración e distribución da quenda, na ordenación do traballo e na forma de prestación, cando as/os traballadoras/es teñan fillos/as menores de 12 anos.

Tamén recolle o decreto que diante dunha petición, a empresa abrirá un proceso de negociación co traballador no prazo de trinta días. A Consellería do Medio Rural, nin sequera iniciou tal negociación e cinguiuse a desestimar a petición.

Non é de estrañar este comportamento a medias entre a soberbia e a necidade nestas cuestións, tendo en conta que o propio decreto de medidas para a conciliación establecía o prazo dun ano para acadar o plan de conciliación na empresa, e na Consellería do Medio Rural, a día de hoxe, xa pasado o ano, seguen sen plan e a velas vir.

A sentenza brinda unha primeira vitoria neste campo no que os servizos de emerxencias (e máis en concreto no SPIF), estaban apartados automaticamente polo mero feito de traballar neste sector.

A día de hoxe o traballador, que desfrutaba da execución provisional, foi apartado das súas funcións pola xefatura de distrito, baixo a escusa da provisionalidade da sentenza e da dificultade de adaptación, incorrendo, ao noso entender, noutro posible delito contra este por parte da Consellería. Esta parte está neste momento en fase de asesoramento xurídico e tamén á espera de si a ratificación da sentenza devolve a normalidade ás partes.

Dende a CIG consideramos esta sentenza un paso importante no camiño cara unha conciliación real e efectiva, e convidamos á Xunta a retomar o camiño da negociación para así cumprir a norma, evitar un ronsel de denuncias, e cumprir coas obrigas legais máxima cando estamos a falar da Administración pública e incumprimentos de dereitos fundamentais.