Aínda que se aceptaron as achegas máis importantes da CIG, retirando as barbaridades que pretendían impoñer con esta norma, non se cumpriu cos requisitos mínimoslegais da negociación

Na Comisión de Persoal do 28 de abril quedou aprobado o borrador de Orde pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galiza, nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación coa abstención das catro centrais sindicais mais representativas: CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Aínda que se aceptaron algunhas das achegas mais importantes presentadas pola CIG, como a obrigatoriedade de permanencia dentro das aulas, atender a 7 alumnos/as ó tempo ou ata administrar medicacións.., que se matizaron ou eliminaron na versión que foi a Comisión de Persoal, o malfacer durante a negociación e a falta de tratamento previo co Comité Intercentros do persoal laboral das modificacions de funcións e ratios do persoal coidador e de lingua de signos, fixo que non puideramos dar o noso apoio a esta norma. 

En resumo estas son as cuestións que variaron do documento inicial: 

  • Retiran a administración de medicación e tamén a obriga de atención durante ás actividades extraescolares.
  • Cambian a redacción do punto que se refire á atención dentro da aula quitando a obriga permanente.
  • Cambian a redacción do punto que se refire á atención na ruta de autobús. Pero non nos fiamos: non esquezamos que xa se obrigou a algún persoal a empezar e rematar a xornada nunha parada de bus.
  • Baixan pero non eliminan a ratio nin aceptan valorar ás necesidades de atención do alumno/a como único criterio.
  • Cambian a redacción do punto k) "caixón desastre", indicando que poden encomendarse outras tarefas que teñan relación coas suas funcións. Por experiencia non nos fiamos das direccións polo que preferíamos que se eliminase.
  • Corrixen os erros a hora de nomear as profesionais e as tarefas.