Así o acaba de determinar a Inspección de Traballo e Seguridade Social despois da denuncia interposta pola CIG na provincia de Ourense

Unha vez máis a inspección constata o incumprimento por parte da Consellería de Educación no que a riscos laborais respecta.

Segundo a resposta da inspección á denuncia interposta pola CIG queda claro que esta consellería non está a cumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais xa que non existen avaliación de riscos feitas para o persoal coidador (nin para o resto do persoal...) polo que decide acollerse a única que realizou nun centro concreto da provincia de Ourense; dito sea de paso que  esta avaliación se fixo pola denuncia presentada por unha traballadora a instancias da nosa central sindical.

A consellería acóllese así á avaliación realizada para este centro e asume que o resultado da mesma o vai aplicar no resto dos centros onde conten no cadro de persoal con esta categoría de traballadoras e traballadores, polo que entendemos que se inclúen todos os centros do país. Desta avaliación resultou a necesidade de dotar a este persoal dos seguintes elementos de protección:

- Máscara FFP2
- Bata (ou mandil + manguitos)
- Guantes
- Pantalla

Segundo a Inspección o director xeral de Centros e Recursos Humanos comprometeuse o pasado 26 de marzo a cumprir con este compromiso de facilitarlle o persoal coidador os equipos necesarios para poder facer o seu traballo en condicións seguras, esperamos que sexa de xeito inmediato xa que o curso está a piques de rematar.

Dende a CIG animámoste a que solicites os equipos de protección que che corresponden no teu centro e se non chos facilitan non dubides en  poñerte en contacto con nos.