Nas últimas reunións con Función Pública, esta manifestou a posibilidade de modificar as OEPs para transformar as prazas de Inclusión social do Consorcio en prazas de orientadores/as laborais.

A CIG manifestouse rotundamente en contra, e os motivos son entre outros:

  • Os Equipos de Inclusión do Consorcio están integrados por profesionais do ámbito da intervención social e das ciencias sociais.

  • As funcións que realiza o persoal de inclusión, nada teñen que ver coas que fai o persoal das oficinas dos Servizos Públicos de Emprego. Son definidas pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social.
  • Céntranse no traballo con persoas en risco de exclusión social, cunhas particularidades especiais, que fan imprescindible unha intervención dende unha óptica multidimensional e que non se pode traballar unicamente dende o ámbito do emprego.

  • A distribución dos servizos faise atendendo ás necesidades da poboación, procurando manter ás persoas na súa contorna propia e polo tanto, descentralizando os servizos ao achegarse á zona das persoas cunha maior vulnerabilidade.

  • A catalogación destas prazas como orientadores/as laborais supón a desarticulación da engranaxe artellada pola Consellería de Política Social.

  • A situación socioeconómica actual, agravada pola pandemia, fai aínda máis imprescindible o labor que desenvolve este persoal técnico que está estreitamente coordinado cos servizos sociais municipais.

Os equipos de Inclusión Social non son oficinas de emprego

Que pretende a Xunta con todo isto? Desmantelar os Servizos de Inclusión?

DENDE A CIG, NON O IMOS CONSENTIR! Loitaremos para que Función Pública desista desta idea, que vai en contra do persoal deste servizo e das persoas máis vulnerables.

DEFENDAMOS OS SERVIZOS PÚBLICOS !!