Función Pública vai publicar a seguinte nota sobre o horario de verán do 2021:

HORARIO DE VERÁN 2021

Horario oficial:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Horario flexibilidade automática:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.
Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8:00 a 15:00 horas.

Horario flexibilidade conciliación:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaria Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O cálculo do cumprimento da xornada laboral, será en cómputo mensual.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño.

Horario redución de xornada de traballo diaria:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberá realizarse diariamente dentro da franxa horaria autorizada polo órgano de persoal correspondente para a concesión desa redución de xornada o tempo de traballo que se determine mediante a seguinte fórmula:


0.80 x XR*
*XR = nº de minutos traballados diariamente en xornada reducida


Queda excluído o persoal suxeito a horarios especiais e persoal a quendas, segundo dispón a Instrución do 20 de xuño de 2013.
Así mesmo, e por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, os empregados e empregadas públicas que teñan ao seu cargo persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% sempre que convivan co solicitante e dependan deste, poderán acollerse a esta modalidade de xornada ata o 30 de setembro”.

Seguimos como sempre e volven a aprobalo sen negocialo coa representación do persoal. Seguen excluíndo ao persoal que traballa a quendas.  A CIG demanda que o horario de verán sexa de aplicación a todo o persoal, e se non pode ser aplicado que se ofreza algún tipo de compensación en forma de descanso.

Ao tempo, na CIG seguimos a esixir a ampliación do horario de verán para quen teña conciliación familiar, do 1 de xuño ao 30 de septembro, a semellanza do que dispoñen as traballadoras/es da AGE como un dereito consolidado desde o ano 2016:

E a mesma esixencia mantemos coa famosa bolsa de horas do 5%, vinculada á conciliación, que continúa sen regularse. Na AGE xa a están a gozar hai tempo. Ao longo da negociación do Acordo de concertación que asinaron UGT e CCOO, a CIG defendeu que esta bolsa de horas do 5% non estivese ligada exclusivamente á conciliación, senon que fose de aplicación a todo o persoal, de xeito que se puidese converter nunha especie de “bolsa de horas positivas”. Pero, unha vez máis, non quixeron.