A CIG non está por recortar dereitos que as leis conceden aos traballadores e traballadoras, senón por implementalos, e para que tales dereitos se fagan efectivos e o exercicio dos mesmos non implique un aumento nos deberes dos demais.

Para aplicar os dereitos de flexibilidade horaria por conciliación a Administración debe adecuar as súas necesidades de persoal, recorrendo aos sistemas de contratación de persoal interino e temporal, así como a calquera sistema de provisión de postos, para que a carga de traballo do persoal que non poida gozar destes dereitos non se vexa incrementada.

Pero, na vez de facelo, preséntanos unha proposta limitativa e de recortes sobre o dereito de conciliación laboral e familiar recollido no RD Lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres no emprego e na ocupación, por exemplo. Polo que facemos as seguintes alegacións ao texto nas que tamén incluímos o cuestionamento de legalidade da proposta da Xunta:

  1. Non se traspoñen neste borrador os dereitos de flexibilidade recollidos na normativa de rango superior, ignorando tamén varias sentenzas xudiciais. Son inaceptables as referencias no texto ás “necesidades do servizo” para non conceder a flexibilidade ou para reverter as solicitudes xa aprobadas.

  2. É evidente que a Xunta de Galiza neste caso está a centrarse unicamente nos postos técnicos e administrativos de grandes edificios ou centros. Exclúe a máis da metade do seu persoal con horarios especiais, partidos ou a quendas e pequenos centros administrativos.

  3. A bolsa de horas esta mal definida. Insistimos na bolsa de horas positiva para todas, sen exclusións.

  4. O prazo máximo de resolución e silencio que propoñen son excesivamente longos (3 meses) e imposibilítase a organización familiar (propomos 15 días, 1 mes como moito). No caso de desprazamento de localidade por mobilidade do persoal solicitante reducir a metade.

  5. Propoñemos a creación dun órgano paritario de resolución dos conflitos e interpretacións das solicitudes.

  6. Non ten sentido nada disto sen desenvolver o Plan Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza.

  7. Solicitamos eliminar os tramos de prioridade destas medidas  xa que o dereito é directo para fillos menores de 12.