Na Comisión de Persoal do 23 de xuño, con CCOO e UGT como únicos asinantes, apróbanse os primeiros criterios para a adaptación da RPT de funcionarización: Acordo para a efectividade e acomodación da primeira relación de postos de traballo (RPT) derivada da funcionarización de postos de persoal laboral e a equiparación de categorías laborais con postos funcionariais de administración xeral.

A CIG esixiu ao longo de toda a negociación “exprés”, opaca e embarullada á que nos someteu o director xeral da Función Pública, que como paso previo habería que convocar o concurso de traslados de persoal laboral e a OEP coa promoción interna do 50%. De non ser así, estariamos vulnerando o dereito á carreira profesional de todo o persoal que estivo formándose coa expectativa da promoción que ofrece o V convenio (promoción interna a calquera categoría de calquera grupo) e ó concurso de traslados horizontal. Unha grande parte dos postos de traballo que se funcionarizan van a escalas onde non hai posibilidade de carreira administrativa, como por exemplo: auxiliares de clínica, que non poderán acceder por promoción interna á especialidade de enfermería.

A CIG non pode avaliar que un acordo sirva para reclasificar a seis titulados/as superiores de formación ocupacional que pasan a postos de instrutores de formación ocupacional, cun nivel 24 de complemento de destino e específico, e cun incremento retributivo, sen os trienios, de case 5.000 € anuais.

A CIG non acepta a disparidade de niveis específicos para a agrupación profesional onde non se consideran todas as especiais condicións de traballo, como a xornada especial ou a especial dedicación, con incongruencias xustificativas, como poñer o complemento específico nuns importes equivalentes ao nivel 14, pero mantendo o nivel 10.

A CIG non pode avaliar un acordo que non considera aqueles postos de traballo con xornadas especiais de 365 días do ano e as 24 horas. Queremos a recuperación na Lei do Emprego Público do artigo 19 do convenio que regulaba as compensacións polo traballo en domingos e festivos e o descanso de dous días continuados á semana máis as 12 horas entre xornadas.

Non podemos aceptar a míngua retributiva polo concepto de antigüidade para os grupos III, IV e V a partires do cumprimento do segundo trienio unha vez funcionarizados.

Non aceptamos que non se regule o traballo nocturno e que se meta como produtividade.

Supón un enorme aforro para a Administración a cambio de nada: nin melloran as condicións de traballo, nin recuperamos o Fondo de Acción Social (FAS). Esixiámoslle que o enorme aforro orzamentario da parte empresarial do desemprego (5,5% sobre a base de cotización) de cada laboral que se funcionarice, sexa para a recuperación completa do FAS, que foi suspendido pola Lei 1/2012 e que só persiste para aqueles traballadores e traballadoras con persoas con discapacidade a cargo.