No DOG Bis do pasado venres 25 de Xuño publícanse novas sobre a situación do teletraballo na Administración da Xunta de Galiza. En resumo ven a dicir que:

  • Finaliza o réxime especial de teletraballo COVID.

  • Entra logo en vigor (dende o día 5 de xullo), o teletraballo ordinario regulado na Orde do 14 de decembro de 2020 que publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza (DOG do 07/01/2021).

  • O persoal que aínda non teña resolución sobre o teletraballo ordinario continuará en situación especial de teletraballo COVID ata a aprobación do teletraballo ordinario SEMPRE QUE TIVESE solicitado o teletraballo ordinario con anterioridade á data de comezo da eficacia desta orde; e dicir, antes das 00:00 horas do 26 de xullo.

  • Non se fará prórroga de teletraballo COVID aos postos de traballo non susceptibles de teletraballo ordinario (artigo 2 do dito Acordo).

Era lóxico que chegara o momento da adecuación do teletraballo a unha situación de normalidade, pero isto non exime a Xunta de Galiza de darlle de verdade un pulo ao teletraballo ordinario, e que non teñamos día si e día tamén denuncias de persoal administrativo que ten problemas ou mesmo denegacións de teletraballo polo capricho dos seus xefes/as.

Como un exemplo entre decenas temos o caso do Consorcio onde o empecinamento e capricho da xefa de persoal fai que as traballadoras administrativas teñan que ir ao xulgado (e gañar) o recoñecemento de teletraballo, por que non gusta o recoñecemento ordinario.

Ou o caso de consellerías reacias a concedelo como Medio Rural ou Emprego e Igualdade que se negan en certos centros de traballo a concedelo a pesares da viabilidade das solicitudes que contan incluso co visto e prace das persoas responsábeis.

Por outro lado levamos meses esperando pola reunión da Comisión prevista no Acordo, e que o señor conselleiro de Facenda e AAPP está deixando pasar de largo para despois do verán. E os problemas, Valeriano, son agora. Ou sexa que busque agora solucións e non en setembro cando xa sexa tarde para o persoal.

Tamén temos que denunciar que segue a acontecer moitas concesións de teletraballo por silencio administrativo, cousa inadmisible nunha Administración do século XXI, non podemos artellar unha nova modalidade de traballo e non xestionala.

Valeriano, espabila que che colle o touro!!!!