A Consellaría de Emprego e Igualdade convocounos a unha primeira xuntanza (08/07/2021) para "presentarnos" a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). A documentación coa proposta enviarona o día anterior a última hora da mañá, e por tanto sen tempo abondo para estudala correctamente. Incumpren así o deber da axuda mútua na negociación. Mal comezo.

Nesa primeira xuntanza subliñaron que a proposta aínda non inclúe todas as modificacións necesarias motivadas polo cambio da anterior consellaría, e que vai en paralelo coa modificación da estrutura orgánica.

Afecta á Dirección Xeral de Emprego, Dirección Xeral de Formación e Colocación e á Secretaría Xeral de Igualdade. Contempla a xestión de fondos europeos, a dixitalización do servizo de emprego e a implementación de novas tecnoloxías. Esta última cuestión vai ter máis peso.

Suprimen oito postos en total, pero tres estaban vacantes, e dos cinco restantes dous postos foron funcionarizados. Créanse 20 novos postos: 10 de estrutura e 10 de apoio. Din que as modificacións son puramente técnicas.

A CIG esixiu un maior prazo para estudar a documentación e alegar. Ao noso ver, as amortizacións non están ben fundamentadas. Preguntamos pola obrigada dotación de persoal técnico de arquivos. Hai unha sentenza do Tribunal Supremo indicando que debemos ter todos os datos para a negociación da RPT e reclamamos que conste en acta. Tamén pedimos aclaración se van agardar ao recurso da sentenza do TSXG sobre a anulación da RPT da Consellaría de Economía que gañou a CIG. Os postos de orientador/a deberían ser considerados como postos de estrutura, pois están ligando distintos programas. Preguntamos se hai algo pensado sobre o plan de igualdade. Gostaríanos que se convocara unha reunión sobre o teletraballo nas oficinas de emprego, na que deberían estar todos os sindicatos.

Temos prazo para presentar alegacións escritas ata o luns 12, polo que se queres aportar algo, contacta coa CIG canto antes (negáronse a ampliar o prazo).

Nota: a petición de todas as organizacións sindicais, a fin de dar satisfacción ao principio legal de axuda mútua na negociación, e nun alarde de magnanimidade, recibimos un correo da consellaría na que nos amplian o prazo de alegacións ..[que emoción].. en tres fantásticas horas!! Así, o prazo de alegacións remata o mesmo luns día 12, pero ás 15 horas.