Valoración das repercusións xurídicas e sindicais da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que declara ilegal a sección segunda do Acordo de Concertación relativo á carreira profesional do persoal da Xunta de Galiza

Na CIG asistimos con abraio a unha campaña dos sindicatos amarelos culpándonos de tumbar a carreira profesional e, case que, das dez pragas de Exipto.

Dende o minuto 1 no que foi negociado o Acordo de Concertación, todo o mundo sabía que artellar un sistema de carreira profesional que non fora universal, ademais de ser ética e sindicalmente reprobable, era contrario ao principio de igualdade e vulneraba o ordenamento xurídico do Estado español e o dereito europeo.

Non foi porque non o advertiramos, ata dimos a coñecer sentenzas de diversas administracións ratificadas polo Tribunal Supremo que obrigaban a que carreira profesional tivera carácter universal.

A CIG gañou a sentenza contra a Orde do sistema extraordinario de carreira, conseguindo que o persoal interino e temporal acadaran o mesmo dereito que o persoal fixo e funcionario de carreira. Mais, a Xunta aguillada por CCOO e UGT, no canto de estender o dereito a todo o persoal, recorreu en casación a sentenza.

Agora vimos de gañar a demanda contra a sección 2ª do Acordo de concertación que excluía a este persoal; resultando, da sentenza do TSXG, uns fundamentos de dereito ben clariños nos que fica patente a ilegalidade manifesta deste acordo discriminatorio entre a Xunta, CCOO e UGT.

E, como non podía ser doutro xeito, as comparsas da Xunta, CCOO e UGT, acúsannos de anular o sistema de carreira e que o persoal funcionario de carreira imos deixar de cobrala. Pois ben, a realidade é outra:

  1. A anulación da sección 2ª do Acordo de Concertación non aparella a anulación do grao I e II do sistema extraordinario de carreira. As razóns son sinxelas: a sentenza anula un “acordo sindical” non anula a “Orde pola que foi convocado o grao extraordinario”.
    Como exemplo, as Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2017 e 2019: foron declaradas nulas polo TSXG a instancia da CIG, e isto non obrigou á Administración a suspender as OEP, senón a incrementar e convocar postos que non ofertara.
  2. Que pasaría si, como di CCOO e UGT, a Xunta de Galiza decidira extinguir o complemento de carreira profesional do persoal que xa o percibe, como consecuencia de que o TSXG declarou que a Sección 2ª do Acordo de Concertación é discriminatoria?
    Deixando claro que sería por iniciativa propia e non por mandato xudicial, sucederían tres cousas:
    1. A Xunta de Galiza podería estar a violar a garantía de “indemnidade”, pola cal ninguén pode ser represaliado por solicitar a tutela xudicial efectiva dos tribunais. E, de certo, esa eventual acción carrexaría consecuencias de toda índole para os responsábeis de poñela en marcha.
    2. A Xunta de Galiza estaría a violar o dereito á carreira, que xa forma parte do núcleo das relacións laborais e administrativas dos “beneficiarios de boa fe”: laborais fixos e funcionarios de carreira.
    3. A Xunta de Galiza non estaría a dar cumprimento nen a esta sentenza xudicial, nen á do réxime extraordinario que ordena recoñecer ao persoal temporal a carreira profesional.
  3. Finalmente, non debemos confundir, como intencionadamente fan CCOO-UGT-Xunta, os seguintes tres conceptos: o "dereito á carreira profesional", a "convocatoria do grao extraordinario de carreira" e un "acordo sindical" ilegal.
    1. O dereito á carreira (derivado do EBEP e da LEPG) non hai resolución xudicial que poida derroga-lo porque é un dereito de configuración legal.
    2. A convocatoria do grao extraordinario dispón dunha sentenza propia que declara que hai que incluír ao persoal interino e temporal.
    3. O Acordo sindical UGT-CCOO-Xunta foi declarado discriminatorio co persoal con vínculo temporal e polo tanto nulo.
  4. O artigo 73 da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa é claro cando fixa que as sentenzas que anulen un precepto ou unha disposición xeral non han afectar, por si mesmas, á eficacia das sentenzas individuais ou actos administrativos firmes que o aplicasen.

Mais neste asunto, nen sequera a Orde do grao extraordinario de carreira constitúe un eventual acto de aplicación do “Acordo de Concertación”, xa que a Orde do grao extrarodinario é un acto de aplicación do dereito á carreira profesional (do EBEP), non do Acordo de Concertación. Este Acordo non é máis ca un pacto entre dúas partes, polo que determinaron unha forma (discriminatoria) de poñer en marcha o dereito á carreira do EBEP.

Por outra banda, o sistema ordinario de carreira nin está negociado, nin está implantado, nin a Xunta parece ter intención de facelo. Os sindicatos asinantes sabedores do fracaso están a intentar acusar á CIG do que non foron capaces de sacar para adiante xa que a Xunta nin sequera publicou o remendo que lle fixeron para incluír ao persoal funcionario interino nun sistema ordinario inexistente a día de hoxe.

Mesmo, o bifachito sindical, no canto de utilizar o instrumento que lles brinda a sentenza da CIG para forzar a inclusión de todo o persoal nas convocatorias de carreira, o que está a facer é pedir que a Xunta recorra para que o persoal temporal excluído siga sen cobrar.

En definitiva, menos manipulación dos que pactaron a discriminación e máis cumprimento do principio de igualdade.

Se queren, é moi doado de arranxar: convocatoria maña mesmo da Mesa Xeral de Empregados Públicos e negociar entre todos unha carreira profesional universal e sen discriminacións.