As oficinas agrarias de Castro Caldelas e da Pobra de Trives non poden ofrecer o seu servizo por carencias moi graves de persoal

Foron e son numerosas as campañas publicitarias da Consellería de Medio Rural e da Xunta de Galiza a respecto da importancia do rural e a loita contra o despoboamento. O propio presidente da Xunta , cualificou esta lexislatura como a “lexislatura do rural” pero estas palabras quédanse baleiras ante a realidade das oficinas agrarias comarcais que son un servizo esencial para o apoio e o fomento da actividade agraria e gandeira na Galiza.

Oficinas agrarias comarcais sen rexistro nin atención ao público

Como exemplo neste momento a Oficina Agraria de Castro Caldelas non dispón de ningún tipo de persoal administrativo xa que a única persoa que desenvolve ese traballo está de permiso de paternidade e a consellaría debe querer facer caixa a costa de non dar un servizo público. Esta carencia provoca que non se poda atender ao rexistro e que a oficina teña que pechar cando o persoal técnico ten que facer inspeccións obrigando as persoas usuarias a desprazarse más de 50 km ou a acudir a un xestor/a privado.

Non se cobren as prazas de persoal veterinario

Ademais diso o único persoal veterinario da oficina atópase de vacacións e a xefatura territorial tampouco cubriu a falta. Indicar que nesa oficina debera contar con dous veterinarios segundo establece a relación de postos de traballo de Medio Rural.
A Oficina Agraria da Pobra de Trives letra máis de tres meses sen ningún posto veterinario dos dous que forman a súa estrutura. Estase a funcionar, tanto a oficina de Trives como a de Castro Caldelas, coa única veterinaria de apoio da área o que produce que soamente poida estar media mañá en cada unha das comarcas co prexuízo para o servizo público que isto supón. Non se entende porque a Xunta non procede a sua cobertura mediante a chamada de persoal polas a unhas listas de contratación que conta con máis de medio cento de profesionais agardando soamente na provincia de Ourense.

Sen servizos públicos de atención e apoio non hai desenvolvemento no rural

Dende a CIG entendemos que esta é unha situación insostíbel para dar capacidade de resposta a dúas comarcas con gran actividade gandeira e agraria ademais de mermar considerabelmente os servizos públicos en zoas rurais, baleiradas e de montaña que adoecen significamente deles. Esto é unha tónica continuada na xestión das  OACs da provincia, exemplos como a de Viana ou a Rua que costou anos de demandas sindical e dos traballadores e protestas cidadáns para conseguir a cobertura dunha administrativo/a, unha situación de vergonzosa miseria.
Como se pode potenciar este sector primario  fundamental para o desenvolvemento económico das comarcas se o que facemos e desmantelar as oficinas agrarias comarcais?

Dende a CIG pedimos que Función Pública se deixe de hipocresías e esiximos a inmediata cobertura dos postos de traballo vacantes nas oficina agrarias para dar un servizo de calidade no rural.