Despois de varias informacións distintas parece que a Consellería de Medio Rural vai prorrogar as adscricións ata o 31 de decembro de 2021

O pasado venres 17 de setembro a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural informou que as adscricións temporais e superiores categorías que remataban o día 30/09/2021 vanse a prorrogar de xeito excepcional ata o 31/12/2021.

O indicado anteriormente non se lle aplicaría ás adscricións e superiores categorías que están afectadas pola toma de posesión de persoal laboral fixo que superou os procesos selectivos de promoción interna e que tomarán posesión a partir do 01/10/2021.

Dende a CIG seguimos sen entender por que non se fixo en tempo e forma un concurso de traslados do persoal laboral en troques de estender esta fórmula de adscricións masivas. Esta falta de concurso non fai máis que acrecentar a inseguridade de todo o persoal do SPIF, que conta só co recurso das adscricións e superiores categorías para poder moverse, e visto os últimos acontecementos para estar pendentes dos cambios de criterio da Consellería.