A Dirección Xeral da Función Pública está a modificar contratos de forma unilateral, unha vez que concede un dereito a algún/ha traballador/a

Aproveitando a concesión de unha permuta, a Xunta de Galicia está a modificar o contrato de traballo no caso de persoal indefinido, engadíndolle a “coletilla” de máximo 3 anos de contrato.

Facendo unha utilización perversa do RD. 14/2021, e cunha interpretación do mesmo, poderíamos dicir que, particular, a DXFP considera que o citado decreto fala de “postos de traballo” e ao solicitar unha permuta o persoal indefinido non fixo gañado por sentenza xudicial, pasa a modificar o contrato de xeito unilateral engadindo a cláusula de máximo 3 anos.

Na práctica isto quere dicir que toda aquela persoa que sexa indefinida non fixa á que lle engadan esta cláusula ao cabo de 3 anos será despedida por “remate de contrato”.

Si ben, é certo que o RD dí taxativamente que os contratos de persoal funcionario interino terán unha duración máxima de 3 anos, nada fala da inclusión de novas cláusulas en contratos xa en vigor de persoal laboral e de xeito explícito, marca que dito límite será de aplicación unicamente ao persoal contratado a partir da data de entrada en vigor do dito RD, isto é, persoal contratado a partir do día 8 de xullo de 2021.

Dende a CIG ESIXIMOS que estas modificacións contractuais e a aplicación do RD 14/2021 e as súas consecuencias sexan negociadas cos/as representantes dos/as traballadores/as.

Entendemos que a inclusión deste tipo de cláusulas, a parte de ser abusivas, é unha modificación substancial das condicións de traballo que debe ser negociada.