Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público.

Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén a unha xuntanza previa no mesmo venres e para falar dos mesmos temas. Un dous por un dos de toda a vida.

É de agradecer o esforzo en materia de conciliación da vida laboral e familiar de Función Pública ao enviarnos a documentación hoxe xoves a última hora da mañá, con menos de vintecatro horas para as xuntanzas. Deste xeito poderemos adicar a tarde ou a noite á lectura da mesma.

A falta dunha análise polo miúdo do texto, un ano máis o director xeral de Función Pública pretende modificar a Lei de emprego público de Galiza, coma quen di, dun día para outro, sen negociación real e pasando o rodete.

Con este precedente xa nos facemos unha idea do que van ser as xuntanzas de mañá.