I Plan de igualdade para o persoal da Xunta de Galiza, XA!

O plan de igualdade é un conxunto de medidas destinadas a acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a eliminar toda discriminación por razón de xénero dentro da empresa. A través das súas distintas fases de elaboración e implantación, busca garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no traballo, nos salarios, na conciliación familiar-laboral, na promoción laboral, no acceso ao traballo, na formación, na carreira profesional ou no teletraballo, eliminando as desvantaxes, dificultades e atrancos que poidan existir para as mulleres no seu día a día laboral.

O plan de igualdade é un instrumento obrigatorio para as empresas de máis de 50 persoas traballadoras e para todas as administracións públicas.

A Xunta non cumpre coa lei e segue sen dotarnos do I Plan de igualdade de oportunidades, que é obrigatorio dende o ano 2007. Despois de distintas tentativas de inicio dos trámites e tamén denuncias na Inspección de traballo, o 6 de marzo de 2009, a CIG tomou a iniciativa solicitando que se iniciaran os trámites; no ano 2017 houbo algún intento máis. No 2019 as persoas responsables da Xunta de Galiza presentaron publicamente unha diagnose non negociada. A diagnose foi amplamente rexeitada, por estar elaborada á marxe da devandita Comisión Negociadora, por estar incompleta, por conter erros e referencias normativas obsoletas, por non abranguer a todo o persoal e por non ofrecer os mínimos datos requiridos pola lexislación vixente.