Como xa aventuramos tras a celebración do segundo exame deste proceso selectivo, os temores das 33 persoas aspirantes cumpríronse. É a primeira vez na historia das oposicións da Xunta de Galiza que ningunha das persoas aspirantes supera o exame dun proceso selectivo.

Se o feito xa é gravísimo en si mesmo, a situación agrávase porque estamos a falar dun proceso selectivo que se supón que é de consolidación de emprego, polo que o escándalo é apoteósico. Os responsables de Función Pública poden sentirse fachendosos por situar á Galiza como a primeira comunidade autónoma na que un proceso de consolidación de emprego non cumpre a súa finalidade.

A mensaxe que se transmite con esta situación resulta inquietante para o resto do persoal pendente doutros procesos de consolidación de emprego. Este escándalo deixa en evidencia a máis que urxente necesidade de fixar uns criterios homoxéneos e comúns nos procesos selectivos en xeral, e nos de estabilización e consolidación de emprego en particular, que eviten situacións bochornosas como esta e que deixan en moi mal lugar á Función Pública galega.

Consumada a desfeita, a pregunta que se fai o persoal afectado é que vai acontecer agora cos 22 postos de consolidación. Agardan unha resposta.