O director xeral de Xustiza anuncia convenios de colaboración cos colexios profesionais para facer os informes periciais dos xulgados en vez de reforzar os equipos propios do IMELGA.

A acumulación e os retrasos soluciónanse dotando de máis equipos psicosociais ao IMELGA non privatizando o servizo a través de colaboracións cos colexios profesionais de psicólogos e traballadoras sociais.

As contradicións do director xeral de Xustiza da Xunta de Galiza son unha constante e, unha vez máis, o fai público na súa participación no Congreso Internacional de psicoloxía xurídica e forense da Universidade de Vigo.

Neste Congreso, o director e despois de gabar a actuación do persoal laboral da xunta que conforma os equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galiza, veu manifestar o seu compromiso coa dotación dos medios precisos para contribuír a unha xustiza de calidade coa celebración de convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicólogos e de traballadoras sociais; colaboración que se sustancia coa posta a disposición de equipos destes colexios para que a dirección xeral a través do IMELGA lles encomende o desenvolvemento de informes necesarios, parece que en asuntos de familia pero non parecen fechados a externalizar tamén asuntos penais, para que o xuíz ou xuíza poida facer unha correcta valoración das circunstancias a enxuizar e fundamentar a sentenza.

Esta colaboración pretendida polo director xeral xa se produciu no pasado e non resolveu o atasco xudicial; todo o contrario, resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade dos xuíces e fiscais á hora de valorar a proba pericial debido ás diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos diferentes equipos contratados, fronte a homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos, ate o punto de ter sido requiridos estes equipos públicos para reformular, complementar ou reavaliar casos xa resoltos polos equipos contratados nas externalizacións. A desfeita desta colaboración, desembocou nunha ampliación coa creación de 7 novos equipos psicosociais con persoal laboral da Xunta de Galiza, claramente insuficiente tendo en conta o importante aumento das peticións de informes periciais provintes dos xulgados.

Así, dende a CIG rexeitamos frontalmente esta externalización de servizos a través da colaboración cos colexios profesionais, pretendida polo director xeral de Xustiza, e avogamos polo incremento dos equipos técnicos do IMELGA para unha resposta efectiva e garantista dos distintos procedementos xudiciais.