A Xunta impón uns servizos mínimos abusivos para que o persoal empregado público non poda secundar a folga xeral

A CIG chama a secundar de xeito masivo o paro e a manifestación que sairá ás 12h do Hospital de Burela

A Mariña, ao igual que todo o norte do país, vive un proceso de desmantelamento industrial e esmorecemento económico, laboral e social agónico, tras anos de peches de empresas sen alternativas para asentar novas industrias que permitan xerar postos de traballo de calidade, déficit histórico de infraestruturas e deterioración progresiva dos servizos públicos polo que o dia 17 de novembro temos convocada unha Folga Xeral en toda a comarca.

Para esta folga da que se espera un grande seguemento, a Xunta de Galiza impón uns servizos mínimos novamente abusivos, incrumpindo a sentenza do TSXG sobre os servizos mínimos decretados na folga do 8 de marzo, impondo a presenza do 100 % do persoal coidador, de limpeza e comedor nos centros escolares públicos, agravada nesta ocasión ao decretar para os centros de ensino privados a presenza dunha soa persoa da limpeza e unha de comedor en cada centro.

Ademais disto teñen o cinismo de argumentar que o dereito fundamental á educación obriga a manter o 100 % das liñas escolares e do “transporte integrado” de máis de 4 kilómetros. Levan anos incumprindo o dereito á educación das persoas que viven no medio rural, desmantelando os servizos públicos, pechando centros escolares, servizos de comedor… e agora utilizan a súa propia política de abandono para xustificar o intento de boicot a outro dereito fundamental: o dereito de folga.

Tamén teñen a desfachatez de argumentar a necesidade de garantir unha protección e atención axeitada ás persoas usuarias da residencia de maiores de Burela para impór uns servizos mínimos moi superiores aos dunha fin de semana. Acaso consideran que as fins de semana non se garante a protección e atención adecuada ás persoas residentes?

Os dirixentes políticos do PP na Xunta de Galiza non se paran ante nada á hora de tentar boicotear a folga xeral de A Mariña e vulnerar o dereito á folga, argumentar falacias ou incuprir sentenzas do TSXG. Queren obrigar a abrir os centros dependentes da Xunta como se fose un día calquera e manter as liñas de transporte o mesmo, pero mañá A Mariña vai parar e vai dicir “abonda de políticas neoliberais desmanteladoras do tecido industrial e dos servizos públicos”


A MARIÑA TEN FUTURO !!!!!