O 3 de decembro tivemos a segunda reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Teletraballo no que buscamos resolver eivas na concesión desta modalidade laboral.

Hoxe na Xunta temos máis 1912 teletraballadores/as, 978 en servizos centrais e 934 nos servizos periféricos. Aínda que a maioria do persoal no sistema ordinario ten dúas xornadas, reclamamos maior extensión e uniformidade. Máis aínda se cabe logo da recente decisión da Administración do Estado español de acadar as 3 xornadas semanais.

Por outra parte Función Pública esta a ser bastante deficiente no control da aplicación do Acordo e da comunicación de datos e deixa moita marxe as consellerías que aplican esta modalidade de forma desigual.

  1. Analizouse a problemática daquelas unidades con acceso máis restrinxido ao teletraballo polo seu caracter de atención ao público (oficinas de emprego, consorcio, oficinas agrarias, unidades de atención ao público, etc..). Estes casos xa foran remitidos un a un pola CIG antes da Comisión.
  2. Solicitamos os datos do persoal en réxime de teletraballo, por consellerías, xefaturas e xénero para facer un estudo do impacto segundo as diferentes unidades administrativas.
  3. Demandamos que normalice a información das concesións e denegacións aos órganos de representación do persoal (Xuntas de Persoal e Comités de empresa).
  4. Esiximos a posta a disposición do persoal teletraballador dos medios tecnolóxicos axeitados que marca a normativa. Segundo o Acordo en febreiro a Xunta xa ten a obriga de proporcionar ordenadores. Segundo Función Pública a AMTEGA está coas contratacións, pero din que teñen problemas de subministro e “pode que se atrasen un tempo”. Eso si: que non che proporcionen os medios non vai ser impedimento para teletraballar, só faltaría!
  5. Sobre a aplicacion do réxime especial de teletraballo (art. 12) para o teletraballo obrigatorio por emerxencia sanitaria; tal e como está agora a incidencia da pandemia na Galiza esta descartado agás se declare de novo a emerxencia sanitaria.
  6. O que si seguen activos son todos os permisos de teletraballo COVID por confinamento tanto do persoal como de descendentes ou ascendentes ao seu coidado. É un tema importante coa suba da incidencia nos centros escolares e o aumento exponencial de casos.

Esiximos a explicación de Función Pública dalgunhas denegacións de teletraballo xa que denunciamos que hai informes “tipo”, insuficientes e carentes de argumentos que buscan unicamente xustificar denegacións por parte dalgunhas xefaturas intentando esquivar o Acordo de teletraballo. Respostou que nos vai remitir por escrito as aclaracións que solicitamos co fin de poder alegar. Se é o teu caso, contacta con nós.