Tras o Informe de Fiscalización de Gastos de persoal da Administración Xeral durante os exercicios 2014 e 2019 do Consello de Contas, onde conclúe que se cometeron numerosas irregularidades na xestión do persoal da Xunta de Galiza, as xuntas de persoal funcionario analizaron o seu contido que ven de ratificar o que veñen denunciando nos últimos dez anos. Así elaboran un manifesto que dirixen ao conselleiro de Facenda e Administracións Públicas no que se trasladan as eivas, solicitan o cese do director xeral de Función Pública e se propoñen solucións como:

● Convocar e resolver os concursos de traslados en tempo e forma. Hai escalas que levan máis de 8 anos sen concurso ou o concurso específico que nunca se convocou.
● Regular a convocatoria, organización e xestión dos procesos selectivos creando unha comisión profesional, tal como acontece na Administración Xeral do Estado español.
● Aprobar un novo decreto de provisión de libres designacións e comisións de servizo, baseado na publicidade e transparencia, no mérito e na concorrencia.
● Promover a aprobación e estruturación axeitada de todas as relacións de postos de traballo.
● Cumprir cos compromisos na carreira profesional.
● Manter unha cultura do diálogo nas mesas de negociación e non un pulso de “ou o tomas ou o deixas”.
● Dotar a Función Pública dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos que poidan manter unha xestión de persoal eficaz, racional e moderna.

 

MANIFESTO DAS XUNTAS DE PERSOAL FUNCIONARIO DA XUNTA DE GALIZA NOS SERVIZOS CENTRAIS, A CORUÑA, LUGO, OURENSE E PONTEVEDRA

ANTE AS DECLARACIÓNS DO GOBERNO GALEGO SOBRE A XESTIÓN DA FUNCIÓN PÚBLICA GALEGA, AS CINCO XUNTAS DE PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA APOIAN O SEGUINTE MANIFESTO:

Ben é sabido que a xestión do persoal na Xunta de Galiza é unha desfeita marcada pola ineficacia, a improvisación e a incoherencia. Isto non é só unha apreciación da inmensa maioría das empregadas e dos empregados públicos e das persoas que as representan, tanto a nivel sindical como a través das xuntas de persoal, senón que ata o principal órgano de fiscalización externa da actividade da Administración da Xunta de Galiza: o Consello de Contas, o pon de manifesto no Informe de Fiscalización de Gastos de Persoal da Administración Xeral-Exercicios 2014-2019. Informe demoledor, cuxa lectura recoméndase, ao que pódese acceder enlace de pé de páxina.

A simple lectura das “CONCLUSIÓNS” contidas no dito informe, evidencia as carencias e irregularidades da política de xestión do persoal da Xunta de Galiza. Así, entre outros, nas ditas conclusións dinse cousas que levamos reclamando e criticando dende hai anos, e que se substancian entre outras en:

2.2. Non resulta posible determinar con precisión os efectivos reais da Administración e das entidades instrumentais.

2.8. As ofertas de emprego público carecen das orientacións e criterios estratéxicos seguidos para esa programación.

2.10. Existe unha excesiva prolongación na duración dos procesos selectivos de acceso ao emprego público.

2.13. Existe un elevado número de persoal declarado indefinido non fixo por sentenzas xudiciais (1.462 empregados), cun incremento relevante respecto da mesma data do exercicio anterior (1.060 no 2018).

2.14. O sistema de provisión de postos por concurso non está funcionando adecuadamente como forma regular de provisión dos postos de funcionarios. “E o mesmo fala do concurso específico”

2.15. Na provisión de postos en comisión de servizos non consta unha motivación adecuada da designación do candidato seleccionado nin a publicación das adxudicacións das prazas convocadas.


É evidente que a nefasta xestión, en materia de persoal da Xunta de Galiza, ten como máximos e principais responsables ao seu Presidente: o Sr. Feijoo e ao Sr. Barreiro, director xeral da Función Pública. O Sr. Corgos aínda non tivo seguramente tempo para poder analizar e dixerir tamaña desfeita. Xestión que non so dana directamente ao persoal da Xunta, o que xa de por si é moi grave, senón á cidadanía á que a Administración debe servir, o que aínda é peor.

Pero o Goberno galego no canto de recoñecer esas problemáticas e poñerlle remedio, poñendo á fronte da xestión da Función Pública a alguén coa sensibilidade e coas capacidades suficientes para elo, e proporcionándolle medios persoais e materiais necesarios, actúa coma unha lura. Así, para distraer ao estrado (persoal da Administración e cidadanía en xeral), acode á tinta da prensa, alegando que a culpa téñena os sindicatos e que todo se reduce a que nos procesos selectivos a tardanza achácase a que nas negociacións coas organizacións sindicais sempre se acorda un período de 6 meses entre a convocatoria e o primeiro exame.

Tendo en conta que Función Publica está na actualidade coa realización dos procesos convocados hai 3, 4 ou 5 anos non hai moito que falar da xestión de este órgano.

Podemos tamén matizar que o período de 6 meses non é un período imposto polas organizacións sindicais , é un período de mínimos para garantir que haxa un tempo prudencial entre a convocatoria e o primeiro exame, pero, que para nada xustifica os retrasos de anos que están a acontecer en varias convocatorias.

Haberá que fixarse máis na tan denostada por vostedes Administración central, onde se fan procesos selectivos e concursos anuais, xestionados por comisións de selección profesionais. Pero iso non interesa, aquí séguese a manter unha estrutura do século dezanove con cargos incapaces de cumprir prazos e procesos.

Señor Feijoo, a culpa é súa e de quen fai anos, demasiados anos, xestiona as políticas de persoal da Xunta de Galiza. Como antigo sindicalista, debe saber que as persoas que representan ás traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza, a través das diferentes organizacións sindicais, son as primeiras interesadas en que a política de persoal sexa eficiente, xusta e racional, cousa que nestes momentos e dende fai moito tempo, desgraciadamente, non o é.

As Xuntas de Persoal da Xunta de Galiza, lexítimas representantes do persoal funcionario,pulan por que se poña a traballar, deixe de acudir á prensa para distraer ao público, contando as súas mentiras ou medias verdades, e elixa uha persoa para dirixir a función pública galega que sexa quen de facer ben o traballo que ten encomendado, por exemplo:


• Sexa quen de convocar e resolver os concursos de traslados en tempo e forma, tanto de persoal funcionario como laboral. Por poñer un exemplo, hai categorías que levan máis de 8 anos sen concurso ou o concurso especifico famoso nunca se convocou, e este ritmo nunca se convocará.

• Regule a convocatoria, organización e xestión dos procesos selectivos para evitar o galimatías que existe hoxe en día, creando unha comisión profesional de procesos selectivos, tal como acontece no Estado

• Aprobe dunha vez un novo decreto de provisión de libres designacións e comisións de servizo, baseado na transparencia, no mérito e na concorrencia xusta.

• Promova a aprobación e estruturación axeitada de todas as relacións de postos de traballo.

• Cumpra cos seus compromisos na Carreira profesional, mantendo e mellorando a mesma, e non como está agora totalmente paralizada.

• Manteña unha cultura do diálogo nas mesas de negociación e non un pulso de “ou o tomas ou o deixas”.

• E como corolario que dote á propia Función Pública dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos que poidan manter unha xestión de persoal eficaz, racional e moderna.