A Xunta segue sen tomar en serio a elaboración do I Plan de Igualdade

O director xeral de Función Pública realizou o 21 de decembro unha comisión para a elaboración do I Plan de Igualdade na Administración Xeral da Xunta de Galiza sen convocar á CIG. Si estiveron convocadas o resto das organizacións sindicais: CCOO, UGT e CSIF. Coidamos que esta actuación só responde ao intento de boicot da multitude de propostas que se presentaron por parte da CIG co fin de mellorar o funcionamento e de recadar maiores datos para a elaboración do Plan.

O 23 de decembro cumpriuse un ano da nova constitución da Comisión negociadora do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza; prazo máximo que a lei dá para ter negociado, elaborado, implantado e comunicado ao Rexistro o Plan de Igualdade. E aquí seguimos, tentando aprobar o Regulamento de Funcionamento da Comisión e acordar que datos deben de ser recollidos para poder efectuar unha Diagnose que sexa efectiva, e non un calote da Administración para dar por concluída unha obriga legal e contar cun Plan de Igualdade floreiro.

A Administración segue sen tomar en serio o Plan de Igualdade e adía reunións, modifica os seus propios documentos ou non cumpre co primeiro paso de todo Plan de Igualdade: a elaboración dun documento oficial que recolla o COMPROMISO oficial de levar a cabo accións positivas de Igualdade de trato e de oportunidades na empresa, de implantar o Plan na estrutura, e de dotalo dos medios materiais e humanos necesarios para levalo a cabo. E facer público e notorio este compromiso como manifestación positiva da súa firme intención de aprobalo e implantalo na Xunta de Galiza.

Pero o que resulta intolerable é que se incumpran os dereitos de representación e participación recoñecidos nas normas fundamentais e que non se convoque á CIG á reunión da Comisión Negociadora do día 21 de decembro, e que Función Pública siga adiante con esa Comisión co resto de sindicatos deixando fóra ao sindicato maioritario na Administración Galega, pretendendo que nos incorporáramos á reunión á última hora,: tarde, mal e sen xeito, incumprindo o respecto e a boa fe que deben rexer toda negociación, (nin a orde do día enviaron).

Non sabemos a qué ven esta forma de proceder do director xeral da Función Pública, e se é que pretende deixar fóra da Mesa de Negociación do Plan de Igualdade á CIG, para que lle sexa máis fácil aprobar calquera cousa; ou se o DXFP comeza a estar un pouco empachado do seu poder incontestable. No caso da primeira opción, manifestamos que nunca daremos por válida a prepotencia e seguiremos loitando porque se respecten os dereitos do persoal e se fora o segundo, é moi fácil Sr. director xeral, mude de retos político-laborais, porque a rutina crea hábitos incompatibles co exercicio democrático das responsabilidades.

Xa lle solicitamos a Función Pública unha nova reunión urxente do Plan de Igualdade, porque a celebrada sen convocar á CIG non é válida, e así será denunciado de non atender esta petición. Queremos contar cun verdadeiro Plan de Igualdade de trato e de oportunidades para todo o persoal sen demoras, pero sen atallos, e que a Igualdade nesta Administración sexa un compromiso claro e firme e se constitúa, de agora en diante, no alicerce de todas as relacións laborais, e non sexa só unha obriga legal.