A CIG presentou conflito colectivo ante o TSXG para declarar nula a cláusula contractual na que se suspende o contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís

Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos a Administración galega castiga ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período de suspensión de contrato porén as persoas traballen todo o ano. A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xera discriminación e graves prexuízos para o persoal afectado.

Esta cláusula establece o seguinte:

“As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio.
En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, fincando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período.
Porén, se durante o tempo de vixencia do contrato o traballador/a xerar dereito a vacacións, estás serán gozadas durante o período de pechamento do centro”.

Ademais do prexuízo no tempo cotizado que causa as traballadoras e non percibir o salario nin a prestación por desemprego, entendemos que se dá fraude á Seguridade Social. Así o estimou a Inspección de Traballo da Coruña na Resolución que emitiu tras a visita inspectora á sede do Consorcio:

“A modalidade contractual de interinidade impide a terminación do contrato ou a interrupción ou suspensión do mesmo, en canto no se produza a incorporación do traballador substituído sendo nula, en consecuencia, a cláusula adicional segunda que, inde-bidamente, faise constar nos contratos de traballo examinados”

O gabinete xurídico da CIG elaborou tamén un modelo de reclamación individual para que as persoas afectadas poidan reclamar as cantidades económicas e a regularización das cotizacións á Seguridade Social e así paralizar os prazos para que non prescriban os dereitos.

Todo o persoal que se encontre nesta situación pódese pór en contacto coa CIG para recibir asesoramento acerca de como facer e interpor a reclamación para pedir o fin desta forma de proceder, as cantidades debidas e as cotizacións non realizadas pola Administración.

Ponte en contacto coa CIG e reclama os teus dereitos!!