A Xunta cambia o protocolo e iguala o tratamento que se lle dá ás aulas de cero a tres anos co resto da educación infantil.

Só si se alcanza o 20% da ratio da aula ou máis de cinco positivos se poden confinar ao resto das crianzas que conviven nun mesmo espazo.

As crianzas de cero a tres anos das aulas de educación infantil non usan, en ningún dos casos, a máscara de protección e non é posible manter a distancia social e a interacción entre eles. Por iso, a instrución sobre como actuar en caso de casos positivos inferiores ao indicado, que é que porten máscara e observen as medidas, está fóra de lugar.

Principalmente, as razóns polas que este novo protocolo non protexe nin as crianzas nin aos cadros de persoal son, entre outras, as seguintes:

• As nenas e nenos non levan máscara e as traballadoras só empregamos máscara cirúrxica que é unidireccional.
• As crianzas nas escolas non manteñen entre elas ningún tipo de distancia senón que se abrazan, se chupan...
• As nenas e nenos xantan no centro educativo
• Son nenas e nenos que dormen na escola compartindo espazo, momento no que a ventilación exterior non é acaída porque precisan unha temperatura axeitada.
• En moitas escolas a ventilación natural non é posible porque non posúen ventás e non se dotou a ningunha escola de filtros EPA.
• A maioría das crianzas son asintomáticas polo que se unha delas é positiva e non aíllan aos demais cos que tivo ese inevitable contacto estreito o risco de contaxio incontrolado é grande. Moitos serán positivos e non o saberemos, e moitas traballadoras e familias de ambos os dous colectivos estarán afectadas. O que non quita que algún neno tamén enferme de gravidade.

Outra vez a Xunta se esquece da casuística das escolas infantís e non as ten en conta á hora de adaptar os protocolos a realidade deste sector.

Por outro lado, a pesar que que hai sentenza do TSXG condenando á Xunta a facilitar as máscaras FFP2 aos cadros de persoal, a administración autonómica permitiuse a temeridade de recorrer contra a sentenza, deixando desprotexidas as traballadoras.

 
Señor Feijoo: protexa as crianzas e comparta algunhas das máscaras FFP2 que vostede usa!!