O 30 de decembro entrou en vigor a LEI 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reducción da temporalidade no emprego público

Esta lei nace, supostamente, para adaptarse á lexislación europea e á xurisprudencia en base a directiva 1999/70 CE, e como condición necesaria para poder optar aos fondos europeos das medidas sinaladas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Recolle as medidas previstas do acordo de CCOO, UGT e a CSIF co goberno do estado español trasposto ao RDL 14/2021 e é froito do pacto con varios grupos do Congreso.

A lei introduce a novidade dun proceso de estabilización extraordinario por concurso de méritos que suscita moita controversia no persoal e enche de incerteza o acceso á función pública. Xera discriminacións entre todo tipo de persoal, como con quen aprobou unha oposición e non tivo a oportunidade da mobilidade, como coas persoas que levan anos preparando procesos selectivos, como o actual persoal funcionario de carreira que se enfronta ás durísimas probas de promoción interna, ou incluso entre as que concorreron a convocatorias diferentes dentro do mesma corpo ou escala.

As claves da Lei

Trátase dunha norma de carácter básico e de obrigado cumprimento para as administracións. Divídese en dúas partes: a primeira, con vocación de permanencia, modifica o texto refundido do Estatuto básico do empregado público (TREBEP) para definir ao persoal funcionario interino e os seus dereitos, así como regular compensacións económicas; a segunda parte regula o plan de estabilización nas administracións públicas.

Artigo 1. Modificación do TREBEP (queda case igual que o icetazo)

O nomeamento do persoal interino poderá facerse en determinadas circunstancias e, como regla xeral, por un prazo máximo de 3 anos. Establece as causas que supoñen a fin da relación de interinidade.

Clarexa que en ningún caso os procedementos de selección do persoal funcionario interino darán lugar ao recoñecemento a condición de funcionario de carreira.

Regula un sistema de compensacións económicas (non son indemnizacións) para o persoal funcionario interino e laboral temporal nomeado/contratado a partir da entrada en vigor da lei cando se produza un incumprimento dos prazos por parte da administración.

Para a selección do persoal laboral tamén se definen os mesmos principios de selección e, no caso do temporal, fai compatible a compensación económica coa posible indemnización que poidera corresponder, pero restándose unha da outra.

Anuncia responsabilidades para as administracións que incumpran, pero non as define. Iso si, declara acto nulo o incumprimento dos períodos máximos de permanencia na praza, cargando a responsabilidade ao persoal co “premio de consolación” da compensación económica.

Artigo 2. Estabilización do emprego

Permítese unha taxa de reposición adicional para estabilizar prazas (non persoas) obrigatoria para as administracións públicas, que deberán identificar as prazas a estabilizar. Recupera as prazas das anteriores Ofertas de Emprego Público (OEP) de estabilización que non foron convocadas ou sendo convocadas e resoltas, quedaron sen cubrir. 

  - Proceso de concurso-oposición. Para prazas estruturais orzamentadas ocupadas temporal e ininterrumpidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

  - Proceso extraordinario de concurso de méritos. Para as prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

Sinala unha compensación económica para o persoal interino e temporal que non superara os procesos selectivos de estabilización.

A norma obriga ás administracións a chegar a acordo coas organizacións sindicais, sendo o noso marco de negociación a Mesa Xeral de Empregados Públicos, onde se terán que definir os criterios e o miúdo das convocatorias. Ademais, estes procesos son compatibles coa promoción interna e os concursos de traslados.

Na CIG esiximos á Dirección Xeral de Función Pública que á maior brevidade posible poña á nosa disposición os criterios cos que se van desenvolver estes procesos, tanto os derivados desta lei como os de promoción interna e libre, e a relación de todas as prazas vacantes, tanto as que cumpran os criterios fixados nesa lei como as que non.