A Xunta leva á Mesa Xeral de Empregados Públicos do luns 14 de febreiro a negociación das RPT de varias consellerías para a funcionarización exprés do persoal

Función Pública sáltase os seus propios criterios e deseña unha RPT de funcionarización onde postos semellantes teñen diferentes níveis e complementos. Nin homoxeneiza nin harmoniza os postos equivalentes da mesma categoría e as mesmas funcións para que teñan igual salario coa escusa de que as RPTs son “dinámicas”.

As présas son malas compañeiras e a día de hoxe nin sequera temos claro que vaian a recoller os pluses recoñecidos no xulgado. A maior abastanza, pretenden publicar a RPT o 1 de marzo sen negociar nada máis, nen mover un pao. Unha vez máis enviaron a documentación para a Comisión de Persoal (16/02/2022) uns minutos antes da Mesa de negociación. Xa o teñen todo amañado cos socios de CCOO e UGT, que están encantadísimos.

Previo á funcionarización, a CIG reclama a negociación dun Acordo marco regulador que recolla os dereitos laborais de todo o persoal

A CIG non se vende, seguimos a loitar pola condicións salariais e laborais do persoal que se funcionariza. A Xunta resposta mencionando o Acordo de concertación, pero nin nese acordo nin no decreto de funcionarización atopamos ningunha referencia ao mantemento dos dereitos: terán que deixalo clariño para que cada centro directivo non faga o que lle pete co persoal afectado. A única forma é recollendo os dereitos laborais na LEPG ou mediante un Acordo marco regulador.