Función Pública vén de achegarnos un borrador de criterios de reparto do FAS-2021 que afonda nos mesmos recortes que comezaron no ano 2011 e que o deixaron reducido á minima expresión.

Como en FAS anteriores, o borrador achegado mantén o importe máximo de 2 millóns de euros, polo que continúa o recorte de máis de 7 millóns respecto dos 9 millóns que tiñamos no 2010, cunha única modalidade, a de atención a persoas con discapacidade, cando no ano 2010 tiñamos axudas por: xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda ou gastos sanitarios.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada, en palabras do presidente Feijóo, “o bo xestor”, autocalificativo do que el presume de cotío e os seus palmeiros pregoan alá onde poden.

Dez anos despois, os recortes continúan coma exemplo da “boa xestión” de Feijóo. No caso concreto do FAS, os recortes non só se manteñen na mesma contía senón que desta volta, o nivel das rendas anuais das persoas causantes vese incrementado dos 12.600 euros do ano pasado aos 13.300 deste ano.

Na CIG insistiremos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Recuperación de todas as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes.
  • Recuperación dos importes subtraídos no 2011.
  • Chegar ao 1% da masa salarial.
  • Compatibilización das axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.