O Consorcio non dá de baixa na Seguridade Social ao persoal das listas cando xa ten rematado o contrato e agora reclámalle o soldo e a cotización. A xestión do persoal no Consorcio de Igualdade e Benestar é un auténtico caos: nóminas de traballadoras a 0, altas e baixas na seguridade social ao chou ou a obriga de devolucións salariais son algo habitual.

Hai tempo que na CIG vimos denunciando irregularidades na confección de nóminas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e incluso altas e baixas na Seguridade Social que non se corresponden coa situación laboral das traballadoras. Nestes días numerosas persoas das listas denunciaron o feito de que o Consorcio deunas de alta sen ter traballado e agora reclámalles o soldo e a cotización.

Pero non é o única desfeita coas nóminas, levamos á Valedora do Pobo o caso das traballadoras embarazadas, ás que ata que a mutua tivera todo certificado non lles pagaban e pasaban semanas sen cobrar. Agora, o Consorcio xa lles adianta o soldo pero despois, cando lles outorgan a prestación pola suspensión de contrato por risco para o embarazo, están obrigadas a devolver os pagos “indebidos”. O problema preséntase cando, dende o Consorcio, se lle indica que teñen que devolver tamén a cotización e a retención para o IRPF.

Co persoal substituto o caos é maior: danos de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou, estando contratadas e co contrato finalizado, non lles tramitan a baixa. Logo, ao ingresarlles unha nómina que non lles corresponde, pídenlles a devolución, e tamén da cotización e da retención para IRPF e, para colmo, non lles fan chamamentos de listas para novos contratos porque figuran de alta.

Para mais, antes permitíanlles facer transferencia das cantidades cobradas indebidamente pero agora xa non; xeran débeda na nómina e vanlles descontando, deixando nóminas a cero euros ou reservándolles a débeda para cando volvan ser contratadas.

Este caos ten unha explicación a maiores da dinámica opaca e autoritaria que ten o Consorcio na relación coas súas empregadas: a sobrecarga do departamento que se ocupa da xestión do persoal. A CIG xa denunciou ante a autoridade laboral a situación polos riscos psicosociais aos que están sometidas. No departamento de xestión de persoal son as mesmas dende 2008 máis os centros e o persoal que xestionan multiplicouse dende esa data. A isto hai que engadir que o aumento de traballo por mor das baixas e as xestións co persoal ante a sexta vaga da Covid 19 que colapsaron o departamento .

Agora, recentemente avaliados os riscos psicosociais, conclúen unha situación nociva cun risco moi elevado para a saúde das traballadoras. Que vai facer agora a xerencia do Consorcio para remedialo?? E Política Social?

Dende a CIG pedimos que se adopten as medidas oportunas para corrixir esta grave situación e que se dote ao departamento de xestión de persoal do Consorcio en SSCC dos medios humanos e materiais que sexan necesarios .