Para a reunión do día 10/03/2022 con Función Pública achegáronos as bases de varios procesos selectivos: das especialidades de arquivos, bibliotecas e museos das escalas de axudantes e facultativos, da escalas de enxeñaría de minas e enxeñarías técnicas de minas e obras públicas, de arqueólogos e de subalternos con discapacidade intelectual.

Segundo Función Pública ningunha das prazas está afectada pola Lei 20/2021 de temporalidade e a modo de exemplo cita en concreto que as 4 de enxeñeiros de minas son posteriores ao 1/1/2018, das 7 de arqueólogos 6 están ocupadas dende novembro do 2019 e 1 é vacante pura e as das escalas de arquivos, bibliotecas e museos 12 son vacantes puras e 8 cubertas dende xaneiro de 2021. Do resto non comentou xa que o fixo a grandes trazos polo que cando se negocie a convocatoria solicitaremos que se identifiquen os postos e as datas de ocupación.

Facemos constar que nesas convocatorias a quenda de promoción interna consta como de oposición pura e dura e non aparece a fase de concurso. Nos confirman que se trata dun erro e que o corrixirán engadindo as bases a fase de concurso para a promoción interna.

Tamén lle facemos constar que a CIG sempre defendeu o concurso-oposición como sistema de acceso e que ao non saber aínda cantas prazas desas escalas van ser ofertadas dentro do ámbito da Lei 20/2021 non parece acaido convocar mentres non teñamos os datos.

O director xeral comenta que moitas desas prazas veñen da OEP 2019 e que polo tanto caducarían e que ademais teñen que cumprir co que dicta a lei polo que vai ser difícil chegar a ter un 8% de temporalidade se se deixan caducar as ofertas.

Traballamos sobre as alegacións a presentar. Se queres facernos suxestións ponte en contacto con nós.