O neno dos Peares, sindicalista combatente, funcionario por arte de Romay Beccaría, ten un pasado que convén lembrar porque quen aspira á Presidencia do Goberno do Estado pode ter nas súas mans os destinos das persoas empregadas públicas.

E isto é algo relevante pois na Administración Pública, a diferenza de calquera outra empresa, o noso patrón ten unha dobre condición de empregador e á vez de cargo electo, é dicir, cargo político. De aí que o proxecto político do partido que o sustenta, pero tamén a persoalidade e traxectoria de quen o dirixe teñan relevancia no noso eido laboral.

E para que lle poñas cara a ese proxecto, que durante máis dunha década implicou recortes nos dereitos laborais, salariais e nos servizos públicos, traemos aquí un vello Boletín editado no 2012 onde desvelábamos quen era Feijoo: un trasunto do Doutor Jekyll e Mister Hide, unha persoa amoral que defendeu dereitos cando lle afectaban persoalmente e que logo llos negou ás persoas empregadas públicas, aos seus antigos “compañeiros e compañeiras” cando cambiou de barricada.

Aquel que en 1985 aprobaba unha praza co Corpo Superior da Xunta grazas ao apoio "extra familiar" recibido polo seu mentor e case padriño Romay Beccaría, según di recentemente un alto cargo da Xunta e do PP, foi antes de adquirir a condición de funcionario de carreira, delegado sindical.

Transporte de balde para as persoas empregadas públicas, economato, subas salariais por riba do IPC, xornada semanal de 35 horas, freo as asistencias técnicas, estabilidade para o persoal temporal…case todo, todo, o que logo aplicou como Presidente da Xunta, non si?

Para coñecemento de todas e todos, vai o Boletín do ano 2012 coas obras e milagres de Don Alberto.