O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar saca a licitación os servizos de atención educativa da escola infantil de A Guarda, de nova creación

O concello de A Guarda asinou un convenio de colaboración coa Consellaría de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en xuño de 2020, para a construción dunha escola infantil de 0 a 3 anos, de tres unidades (41 prazas).

A escola infantil de A Guarda ten previsto comezar a actividade en setembro, co inicio do curso 2022/2023 e, até agora, nunca se puxera en dúbida que a xestión fose a ser directa, con persoal propio.

Ás agachadas, o Consorcio publicou o día 26 de abril no seu web a licitación do servizo de atención educativa, que non é nin máis nin menos que a xestión privada deste centro, construído con fondos públicos no espazo publico municipal que son as antigas instalacións do comedor e vivenda do profesorado dun colexio público.

Á empresa que se lle adxudique a xestión non terá que investir capital nin infraestrutura. Se lle garante unha cifra de negocio e de beneficio sen ningunha exposición ao risco empresarial. Será chegar e encher, beneficios a costa dun servizo publico subvencionado.

O Consorcio ten unha estrutura organizativa que, ademais de xestionar os chamamentos para a selección do persoal, tamén centraliza as compras de material, elaboran os criterios educativos, control dos menús máis saudábeis..

Para a CIG a única garantía de calidade de servizo e de emprego digno é a xestión directa dos servizos, integramente públicos, dende a atención educativa ata a limpeza e os comedores. Esiximos a suspensión desta licitación e que se dote de inmediato esta escola infantil con persoal propio.

O publico é servizo, o privado beneficio!