O martes 10 acudimos á xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar a Oferta de Emprego Público extraordinaria obrigada pola Lei 20/21 (temporalidade). Esta xuntanza era inicialmente para o día 4, pero sufriu moitos adiamentos. Tratáronse os criterios da oferta e comezamos coas primeiras alegacións xerais aos listados de postos.

Durante estes días previos na CIG recibimos varios centos de alegacións (máis de 500). O enorme volume de correos que recibimos non nos permitiu respostar individualmente a cada unha delas, pero o noso traballo está feito: as alegacións están mecanizadas na aplicación indicada pola DXFP. Aínda así á Administración quédalle moito traballo por facer, non só por revisar todos os datos pola cantidade de erros que hai, senón porque está pendente que varios entes se poñan as pilas. O tempo bótaselle enriba a Función Pública.

Esto é o que informou o director xeral na xuntanza:

  • O que van publicar agora (antes do 1/6/22) é a OEP extraordinaria pola lei 20/21. Deixan para máis adiante a OEP ordinaria do 2022 (a derivada da cobertura de prazas por taxa de reposición de efectivos)

  • Nos criterios da OEP non van a entrar na baremación das fases de concurso. Eso quedará para máis adiante. En todo caso a baremación será idéntica para todas as convocatorias do mesmo tipo (distinguindo entre as prazas que van por unha ou outra forma de acceso)

  • Definitivamente toman o criterio de 3 meses como o período de tempo máximo para considerar que non hai interrupción na cobertura da praza e no concepto de interrupción do vínculo nas persoas interinas ou temporais. Nas prazas a tempo parcial e prazas de carácter descontinuo non terán en conta o prazo de inactividade

  • Os postos que non están en RPT tamén teñen que ir nesta OEP

  • As prazas creadas no Spif no ano 2019 provintes de Seaga tamén se incluirán na OEP extraordinaria. Computaráselles o tempo traballado na Xunta e en Seaga (o que non sabemos é como, ata que se negocien os baremos despois da oferta)

  • Non penalizarán coa exclusión das listas a quen cobre a compensación económica prevista na lei

  • Unha vez aprobada a OEP, resérvanse o dereito a mover a escala daquelas prazas en que se observe un erro, sen que isto poida supoñer alteración no cómputo global das prazas

  • Haberá requisito de proba física para certas categorías

  • O requisito do galego non aclara se si ou se non, ou se Celga ou se proba, ou se vai ou se ven

  • Non se move da data de referencia do 30/12/2021 e non cede en eliminar a observación de “convocados” que exclúe as prazas do listado 1

  • O director xeral traslada o seu criterio de que o exame será eliminatorio, sen comprometerse a criterios claros nas convocatorias (nota de corte, proba única e obxectiva, procesos áxiles e tribunais negociados e con representación sindical)

  • O destino será provisional con carácter xeral, agás se xa estivera resolto o concurso de traslados da escala correspondente. O persoal fixo e funcionario que xa está na escala terá prioridade para escoller os postos. O destino adxudicado será escollendo segundo a orde de puntuación do proceso

  • Ten dúbidas en distinguir a valoración do tempo traballado entre temporal e fixo xa que di que podería producir problemas de seguridade xurídica

  • Están dispostos a “modular a puntuación” do tempo traballado distinguindo administración/ entes de forma diferente segundo cada caso. Os criterios e baremos se negociarán conxuntos pero as convocatorias estudaran si propoñen separadas ou conxuntas

Falamos dun asunto que pode ser un atranco: como baremar o tempo traballado

O DXFP afirma que os sindicatos solicitan que se potencie o tempo na propia Administración, pero di que non o ve. Afirma que os sindicatos facemos referencia a sentenzas do Supremo, pero el non a ten, así que solicita que lla enviemos (e que teñen que ser recentes), e tamén as convocatorias doutras administracións. Di que está disposto a valorar ata onde poida chegar, pero sempre garantindo a seguridade xurídica a que se acolle cando lle convén.

Problemas coas titulacións

Observamos como numerosas alegacións aos postos están referidas ás titulacións. Como a Xunta vai convocar as prazas como persoal funcionario hai que fixarse nas titulacións que corresponden a cada escala. Se hai modificacións ou a escala non é a correcta aléganse. Aínda así a Xunta recoñece erros no Consorcio e vai revisar outras. O problema ven cando unha persoa accedeu hai anos e agora mudaron os requisitos ao funcionarizarse a praza e non vai poder acceder.

Esto é produto dunha funcionarización chapuceira, ás bravas. E agora CCOO e UGT si que o ven, e piden solucións a un problema que eles mesmos axudaron a crear.

O Consorcio: Un caso aparte

A xestión do persoal no Consorcio sempre foi desastrosa, e con esta listaxe que traen para a oferta alucinamos aínda máis. Función Publica di que vai revisar os criterios polos que fixeron a listaxe. Teñen que incluír as encomendas entre temporais, completar as eivas, moitas prazas que faltan e non hai ningunha da disposición adicional 8. Aparecen datas de sentenzas en troques da toma de posesión, mesturan creación de prazas con data de ocupación, e tipos de contratos. E aclaramos, que aínda que sexa un contrato de substitución, si é en praza vacante e estrutural xera que esa praza saia a oferta. Segue aberto o prazo para alegar.

A negociación mal ordenada por Función Pública

Na CIG solicitabamos negociar primeiro tendo os datos de todas as prazas vacantes cos criterios da oferta, e de forma conxunta cos baremos, xa que as decisións tomadas teñen efecto bolboreta no resto. Entendemos que esta lei non é boa pero estamos a aportar o noso esforzo para amortecer a discriminación e posibilitar que as persoas que ocupan postos na administración autonómica teñan maior valoración fronte as outras administracións, que ademais si están a baremar diferente puntuando mais o tempo traballado do seu persoal fronte o doutras como concellos, deputacións, AGE, etc.

Sobre os entes instrumentais alegamos numerosas eivas e seguimos traballando nas achegas xa que suceden cousas raras (algunhas que tiñan prazas e de súpeto xa non teñen) e moitas delas ademais non se negociaron con carácter previo cos comités de empresa.

Houbo máis cuestións pero estas son as quedaron mais avanzadas. O venres 13 teremos unha nova reunión e mentres seguiremos atendendo as achegas que recibamos. Podes contactar coa CIG.