A CIG-Autonómica celebraba este sábado, día 21 de maio, a súa VIII Asemblea baixo o lema “Emprego e servizos públicos de calidade. Loitando polos dereitos para avanzar” e reelixía a Zeltia Burgos como secretaria nacional. Unha xornada na que se elixiron ademais ás persoas que conforman a Executiva Nacional; a Dirección Nacional da CIG-Autonómica e ás representantes da mesma na Dirección Nacional da CIG-Administración.

Deste xeito, a nova Executiva queda conformada por:

  • Zeltia Burgos Tortosa
  • Aser Lidia Tobío Martínez
  • Alexandre Prieto Giráldez
  • Olga Vilasánchez Seoane
  • Uxío Zabala Iglesias
  • Marta Regueiro Abel
  • Mar Peteira Cabana

Pasan a formar parte da Dirección Nacional do Sector:

  • Fernando García Fernández
  • Rosa Fernández Muñoz
  • Consuelo Fernández Fernández
  • Roberto Varela Gestal
  • María Luísa Alonso González
  • Manuel Gallardo Canitrot
  • Manuela Rodríguez Gamallo
  • Carme Viso Rubín
  • Catia Vázquez Cortinas
  • Mª Socorro González Otero
  • Rocío Trastoy García
  • Luzdivina Rebollal Juanes
  • Azuzena Gavín Reigada
  • Antonio Fernández Domínguez
  • Xosé Ramón Vázquez Rodríguez

Ademais, representarán ao sector, na Dirección Nacional da CIG-Administración:

  • Cristina Terrón Pérez
  • Bernardina Porral Mosquera
  • Rodolfo Docampo Abalde
  • Uxío Zabala Iglesias
  • Nieves Somoza López
  • Mar Peteira Cabana

Recuperar os dereitos do persoal da administración autonómica

Na súa intervención de clausura, a secretaria nacional denunciou que desde a última asemblea, hai 4 anos, o sector padeceu recortes, lesivos pactos levados a cabo por outras organizacións, a pandemia e políticas de persoal que obrigaron a facer de parapeto das persoas empregadas públicas. Unha situación diante da que a nova dirección se comprometeu a seguir facendo esta tarefa de trincheira, mais tamén a lanzar un proxecto de recuperación de dereitos co que afrontar os anos de loita que imos ter por diante.

Temos como obxectivos recuperar a negociación colectiva, rota polo pacto CCOO-UGT-Xunta co Acordo de Concertación, que imitando o pacto social que teñen no goberno estatal, venden ao persoal empregado público autonómico. Unha situación que empeorou coa pandemia, que a Función Pública veulle moi ben para facer e desfacer, amparada tras as cámaras das videoconferencias.

Opómonos frontalmente á perda de dereitos que supón a funcionarización, chapuza do persoal laboral ao que deixan sen convenio colectivo e a chamamos a mobilizarse por un acordo marco que regule as condicións laborais para o persoal funcionario e laboral no que se recollan as condicións especiais de traballo.

Clamamos contra o maltrato e a precaridade no sector público e rexeitamos, con contundencia os contratos de dúas horas, as rebaixas nos dereitos de conciliación que xa nos outorga a lei, as suspensións de contrato para aforrar vacacións e non imos aguantar que a temporalidade sexa endémica, que os salarios queden esmagados ante o custo da vida ou que se paralice durante anos a mobilidade e promoción do persoal.

Loita contra a externalización

A CIG continuará a combater a externalización de funcións do persoal, como xa fixo coa denuncia que derivou na ilegalización da privatización de funcións propias de persoal de Cultura a Tragsatec, que obrigou á Xunta a crear as prazas na RPT.

Privatización de funcións de persoal que se está a dar tamén para a elaboración dos informes e a tramitación dos Fondos de Recuperación e Resiliencia ou para os procesos de autorización para a venda dos recursos do noso país a proxectos de eólicas, extractivas e mineiras ou implantación da industria máis contaminante. Unha situación diante da que nin a terra da nin as xentes da Galiza estamos en venda, e os funcionarios e funcionarias somos a única garantía de imparcialidade no procedemento.

Defensa dos servizos públicos

A CIG tampouco permitirá que servizos públicos esenciais como as residencias de maiores publicas se entreguen directamente a fondos de inversión privados que se benefician a custo da calidade do servizo como estamos a ver cada dia nos medios, maltrato continuados as persoas máis vulnerábeis ou os falecementos masivos e faltas de coidados na covid. Ou a costa dos nosos cativos e cativas como coa privatización da nova escola Galiza infantil do Consorcio na Guarda.

Apostamos por unha administración de calidade e eficaz que será imposíbel sen empregados e empregadas públicas con dereitos, unha carreira profesional xusta e inclusiva, concursos de traslados permanentes e a eliminación da dedocracia, ademais de recuperar dereitos conxelados e gañar outros.

Somos unha organización conformada polas/os afiliadas/os e delegados/as que imos fortalecer o traballo sindical cunha perspectiva de loita colectiva, cunha actitude activa na defensa do emprego publico e dos servizos que aportamos toda a sociedade galega. Inclusivas fronte ao corporativismo, colectivas fronte ao individualismo, activas fronte a actitude pasiva a que nos abocan os tempos.