A Xunta dá por concluídas as negociacións da OEP extraordinaria do 2022 logo da Mesa Xeral do venres 20 de maio, onde a única novidade que dixeron é que podían revisar a redacción dalgúns artigos para que non deran lugar a interpretacións erradas. Os decretos da OEP da Administración Xeral e persoal funcionario da Lei 17 de escalas sanitarias van idénticos para a convocatoria da Comisión de Persoal do martes 24. 

Para a CIG esta Oferta de Emprego Público non vale porque:

- Función Pública négase a introducir o coñecemento da lingua galega como requisito no decreto da oferta de estabilización, cando si o fai con probas psicotécnicas ou físicas. Como a palabra do director xeral vale menos dun peso non temos claro que vaia introducir nas convocatorias o coñecemento na lingua galega como requisito.

- Négase a eliminar a observación de convocadas e, aínda que non enviou os anexos totais cos números de prazas a ofertar, xa sabemos que mais de 900 prazas van ser excluídas. Son aquelas que convocou en decembro e están sen desenvolver no medio da tramitación da Lei e a mala fe.

- Desvirtúa a disposición adicional oitava ao pórlle un tempo de interrupción da cobertura maior de 3 meses co cal queda excluída a praza para engadir á oferta.

- A casa comezou a facerse polo tellado. Primeiro enviou unhas listaxes de postos desastrosas onde faltaban centos de prazas, logo discutiu os criterios e agora non refai as listaxes. Iso si, di que aceptou 584 alegacións individuais das organizacións sindicais, e que a maiores incluíu 356 prazas de Medio Rural, 45 de Medio Ambiente (Illas Atlánticas) e non aclara se introduciu os case 300 de Educación. Envían novas listaxes que poderemos seguir alegando pero avisa que non introducirán cambios que supoñan aumentar prazas máis do 10%.

  Buzon 1 Buzón 2
Administración Xeral 3.827 481
Entes 378 112
Consorcio 1.198 162

- Os exames no concurso-oposición serán eliminatorios pero non quere fixar criterios comúns a todas as convocatorias na oferta.

- Non van identificar as prazas afectadas nin no decreto da oferta nin nas convocatorias: seguimos coa opacidade.

- A Xunta eliminou a promoción interna dos procesos de estabilización, a pesar de que a promoción interna NON RESTA prazas senón que suma á oferta e non supón incremento de persoal, abrindo a grupos e subgrupos superiores. E lembramos que a CIG mantén que a promoción interna debe ser unha quenda separada e que non compite, xa que ao aprobar a PI deixas a que queda libre. O resultado de prazas ocupadas e o mesmo e ademais non contan dentro da taxa de reposición. Tanto é asi que a lei da temporalidade compatibiliza a PI coa oferta de estabilización.

O que si aceptaron:

1. Non van excluír das listas de agarda ao persoal que non superase os procesos selectivos e que as súas prazas eran DA6 e DA8 nin ao persoal que cobrase a compensación económica por despedimento da lei 20 como tiñan no borrador inicial.

2. Vaise incluír na OEP a funcionarización do persoal fixo do Consorcio. Na CIG denunciamos que a RPT de prazas funcionariais deixaría ao persoal fixo illado sen posibilidade de mobilidade, asi a funcionarización debe ser parella á RPT.