O luns 6 de xuño é o cese das persoas que obtiveron posto no concurso de traslados de corpos xerais convocado en novembro de 2019 (tardou dous anos e medio en finalizar). E as tomas de posesión destes compañeiros e compañeiras van a coincidir coa posesión definitiva de quenes estaban en destino provisional.

Como o concurso de traslados xa fora convocado con atraso puido participar quen obtivo destino no concurso anterior. Así que foi enorme a cantidade de compañeiros e compañeiras que decidiron participar e obtiveron destino. Non só ocupando postos vacantes, senón tamén os cambios producidos en resultas.

As prazas vacantes ofertadas no concurso foron as existentes a xuño do 2020 (hai que sumar as resultas, que non son vacantes). Estamos nuns anos dunha alta cantidade de xubilacións, e todas as posteriores vacantes producidas durante estes dous anos, xeran un número enorme de prazas non ofertadas que van utilizar para as comisións de servizos.

Estamos, xa que logo, ante un momento de enorme mobilidade. E xa todo o mundo escoitou falar de xente que tiña que ir a un posto e vai ir a outro. Algunhas persoas mediante comisións de servizo (mesmo a postos de libre designación). Outras movidas irregularmente. E algunha outra simplemente enganada.

Estou realmente no meu posto de traballo?

Pensabas que o teu posto de traballo estaba nun servizo e queren que vaias para outro? A clave está na Relación de Postos de Traballo (RPT).

Tes acceso a todas as RPT dende o web de Función Pública. Poñémoscho doado, vai a https://i.gal/rpt. Escolle a túa consellería e abre o primeiro dos documentos, que será a RPT en formato pdf. Se premes simultaneamente nos botóns Ctrl+F abrirá a caixa de busca. Introduce o teu código de posto, que terá o formato 00.000.00.000.00000.000

Unha vez localizado xa poderás ver cal é o teu centro de destino. Este vai variar segundo a consellería. Nalgúns casos (poucos), pode ser un servizo. Na maioría será unha estrutura superior (xefatura territorial, subdirección..). Se queren que vaias a un centro de destino diferente, estarás nunha situación irregular.

Dentro do centro de destino o habitual é que os postos base poidan movelos libremente dentro do centro, e as xefaturas de sección e negociado estarán asignadas a un servido determinado. Isto podes observalo na RPT: se o teu posto vai debaixo dunha xefatura, esa é a súa localización, polo que se queren que vaias a outro servizo ou sección, estarás ubicado/a irregularmente; caso de que non teñas xefaturas enriba, estás asignado/a ao centro de destino en conxunto e dentro del poden moverte.

Se tes dúbidas, contacta coa CIG. Ten a man o teu código de posto de RPT (podes consultalo na resolución do concurso ou de destino definitivo; tamén no Portax).

As funcións

As persoas responsábeis da política da Administración Autonómica non queren regular as funcións polo miúdo máis alá dalgúns acordos parciais e as xeneralidades que aparecen na Lei 2/2015, do emprego público de Galiza (LEPG), artigo 41 e disposición adicional 8ª e 9ª. Na maioría dos casos a redacción é suficientemente ambigua como para ter dúbidas. E non teñen interese en redactalo con maior concreción.

Son moitos os casos de desvíos nas funcións, ás veces por recibir ordes abusivas, ás veces porque nos agradan máis outras tarefas. Cando facemos tarefas superiores estamos a aforrarlle diñeiro á Administración, pois así evita convocar prazas de maior responsabilidade.

Se despois de darlle unha lectura ás túas funcións recollidas na LEPG continúas con dúbidas, contacta coa CIG.