O martes 31 de maio de 2022 tivo lugar a 2ª xuntanza do grupo de traballo que trata a elaboración dun novo regulamento para a escala de Axentes Facultativos Ambientais (o anterior e de 1997). Asisten a mesma representantes das consellarías de medio rural e medio ambiente e das organizacións sindicais.

A representación da Administración comeza renegando do acordado na primeira xuntanza: empregar como documento base a proposta consensuada no ano 2017 polas organizacións sindicais. A CIG o considera inaceptable e solicita levantar acta do acordado nas xuntanzas para evitar estas situacións de falla de credibilidade e confianza na Administración que bota por terra os avances no traballo deste grupo. A Xunta négase con rotundidade alegando que ao ser un grupo de traballo non procede levantar acta.

A única documentación que aporta algo de proveito é a presentada pola Dirección Xeral en Defensa do Monte (DXDM). A Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) non aporta documento (tan só escusas) e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (DXPOF) presenta un texto pobre que non recoñece a realidade actual dos sectores forestal e medioambiental, e para máis menosprezo o representante desta dirección xeral califica o acordo consensuado polas organización sindicais como demasiado extenso e detallado, piden algo máis sinxelo (parece que están máis cómodos na indefinición).

A CIG, despois de escoitar as intervencións da administración e comprobar a falla de vontade para o avance das negociacións, propón un calendario de xuntanzas que realmente active o traballo do grupo. A proposta é aceptada pola DXDM, pero os representantes da DXPN e DXPOF argumentan que non poden comprometer unha data sen consultar aos seus superiores. En consecuencia evidencian a falla de capacidade  para tomar decisións ata tal extremo que non son quen de aceptar ou propoñer unha data para a seguinte xuntanza.

A conclusión ao fin da xuntanza é que a Xunta non ten interese no avance deste grupo de traballo pois adiou a xuntanza convocada para o 25 de abril unilateralmente, non presenta documentación de proveito e non envía representantes con capacidade real de negociación e compromiso. A elaboración do novo Regulamento de Axentes Ambientais que ten como obxecto adecuar o servizo público e a escala a realidade actual non é prioritario para a nosa Administración.

A CIG non vai a aceptar un acordo de mínimos que non teña en conta os consensos acadados entre as organizacións sindicais, as novas especialidades e as necesidades actuais dos sectores forestal e medioambiental.