En plena vaga de lumes, o cadro de persoal do servizo de extinción de incendios é o mesmo que no mes de maio

A xestión política na prevención e extinción de incendios avogou por volver as contratacións de brigadas de reforzo de verán por parte dos concellos eliminando na práctica a contratación polas listas de agarda da Xunta e aforricando medios e persoal propio.

Os incendios destes días, cunha situación durísima tanto polo número de incendios como pola súa perigosidade, puxeron en alarma á poboación galega mentres se sucederon as denuncias pola falla de medios na extinción e as situacións de abuso que está a sufrir o persoal ao que se lle obriga a soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 h consecutivas, sen sequera levarlle auga nin comida.

A análise está clara: a Xunta volveu ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais mentres segue escatimando co persoal propio. Porén, a realidade é que as brigadas municipais non estarán activas ata entrado agosto. Á dificultade para asinar convenios súmaselle a necesidade de persoal e a desesperación nos concellos para atopar material de extinción, equipos de protección individual e incluso vehículos en condicións. A volta ao fracasado modelo caótico de finais dos 90 e 2000, cumpre o prognóstico esperado: o fracaso. Mentres, en plena vaga de lume de incendios o cadro persoal é o mesmo que no mes de maio.

Na CIG apostamos por un modelo de xestión único, público e directo para a extinción de incendios, composto por profesionais formados/as e adestrados/as en multiemerxencias que poidan alternar as labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano. É a única forma de ter a flexibilidade suficiente para atender aos incendios, que cada vez están máis desestacionalizados, á vez que se traballa en baixar o potencial de perigosidade ao reducir a biomasa dispoñible e manter as infraestruturas.

Máis a Xunta do PP vai no camiño contrario e, aínda por riba, faino tan mal que chegamos a xullo nestas condicións. Isto non é novo. Que saíran mais ou menos airosos nos veráns anteriores, foi cuestión de sorte, e do tempo.

Lembramos ademais a destrución paulatina e imparable de postos de traballo nas diferentes consellerías da Xunta. Tan só este ano en Medio Rural propóñense eliminar 80 postos de traballo, 21 deles no Servizo de Prevención de Incendios Forestais. Para máis abastanza, hai prazas que levan anos sen cubrir, e tampouco se substitúen as baixas laborais con dilixencia, e nunca as vacacións. Polo tanto, con esta nefasta xestión de persoal, é moi difícil que as brigadas estean completas.

A pesar de que saben que é malogrado, escolleron o modelo de brigadas municipais. Que asinen os convenios e den medios aos concellos e, se non que tiren das listas da Xunta e poñan o operativo a funcionar, respectando os horarios, sen abusar do persoal

Se ao final o éxito na xestión dos incendios no verán depende da chuvia, preguntámonos se non debera dimitir o conselleiro do medio rural na vez de presentarse no lume co mono de traballo nun alarde de propaganda populista?

En definitiva, que se deixen de caralladas que isto dos incendios é un asunto moi serio.