A Residencia Xuvenil “Florentino L. Cuevillas” é albergue durante o mes de agosto, cando deixa de facer funcións de residencia de estudantes, dentro da REAJ (Red Española de Albergues Juveniles), tanto é así que continúa a publicitarse no seu web oficial.

Pois ben, grazas a xestión da dirección do centro e co visto bo da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social de Ourense, o único albergue público de Ourense está pechado.

No ano da recuperación do turismo despois da pandemia, no ano Xacobeo, onde se pretende potenciar a estadía en Ourense, a Consellería de Política Social pecha outro servizo público.

Dende a CIG-autonómica non entendemos como é posible esta política de terra queimada, onde non se coidan os servizos públicos, onde o pouco equipamento público que temos na cidade o pechamos.

Si existen tarefas de mantemento do centro ou calquera outra cuestión que se teña que facer, existen períodos ao logo do ano que se poden realizar e non no momento en que ten que funcionar como un servizo turístico da cidade.

Estas actitudes de desprezo aos servizos públicos dentro da Consellería de Política Social en Ourense non son novos e deberían ter consecuencias, sobre todo en datas tan sinaladas para a recuperación económica da provincia de Ourense, como é este Xacobeo 21-22.