O traballo de noite, en quendas semanais e os sábados á mañá, ademais das funcións de inspección, levantamento de actas e control de establecementos públicos adicados ao lecer e hostalería xa ten recoñecemento para o persoal inspector da Axencia de Turismo da Galiza. A CIG ven de ratificar na Comisión de Persoal do 3 de agosto a regulación das súas condicións de traballo xunto co recoñecemento salarial nun Acordo vinculante no que o persoal vai percibir un complemento salarial adicional de 368,54 € ao complemento específico.

Mais coidamos que o camiño de ir parcelando negociacións e acoutar acordos por escalas ou grupos de postos fai que as condicións laborais dependan da presión que exerce cada colectivo de traballadoras e traballadores, ou da necesidade que a Xunta teña polo servizo que aportan. E lembramos que este ano é Xacobeo, e que o turismo é a “ficha” pola que aposta a Xunta para a economía da Galiza. No entanto, o seu recoñecemento era unha demanda histórica do persoal e da CIG.

A intención inicial dos responsábeis da política de persoal da Xunta era impoñer un texto sen negociación coas organizacións sindicais. Pero na CIG coidamos que é necesario facer algo máis amplo, polo que na negociación introducimos a necesidade dun estudo para harmonizar coherentemente os niveis do complemento de destino de todos os postos de inspección da Xunta. O director xeral de Función Pública comprometeuse finalmente a realizar ese estudo global das circunstancias de todos os postos de inspección, e os niveis correspondentes, que teñen que ser compatibles cos complementos adicionais polas especiais condicións de traballo do posto.

Necesitamos un Acordo Marco co que regular as condicións laborais e retributivas de todos os empregados e empregadas públicas, e isto ten que implicar unha revisión dos niveis non só a determinados corpos e escalas, se non a todo o persoal ao servizo da Administración Autonómica de Galiza. Da necesidade de abordar globalmente este tema da conta a decisión da Xunta de baixar o nivel mínimo de complemento de destino existente na Administración Autonómica, que pasa do actual 10 ao novo 9, e afectará principalmente a algunhas escalas de Política Social e Educación.