Diminuír os centros públicos e pagar a empresas privadas, dende escolas infantís a residencias de maiores

A Xunta comezou este ano a aplicar a gratuidade para as persoas usuarias das escolas infantís de cero a tres anos. Até aí, perfecto.

A perversión da medida radica en que isto non consiste en crear máis centros públicos senón en pagarlle con cartos públicos a empresas privadas.

Deste xeito, este curso, en determinados núcleos de poboación, a matrícula das escolas infantís públicas baixou alarmantemente para subir na privada. Lembramos que até o de agora só se concedían axudas para ir á privada se non se obtiña unha praza nas escolas públicas.

Estamos xa a comprobar que esta medida supón un xeito eficaz de desmantelar os servizos públicos (onde a calidade está garantida) para que o acceso á privada sexa de balde. Pero non é unha cousa nova no PP da Galiza, hai moitos anos que non se fai unha residencia de maiores pública a pesar da forte demanda, e en vez diso o que fan é privatizar directamente as feitas con diñeiro público ou “subvencionar” prazas públicas na privada, nutrindo sen despeitearse o modelo de negocio de fondos de inversión que xogan coa saúde e o benestar das nosas maiores.

O fin do PP: regar con cartos públicos a empresas privadas a conta de desmantelar os servizos públicos

Este modelo de negocio privado a costa de todas e todos é o primeiro paso para privatizar os servizos públicos. Primeiro inxectan diñeiro público, despois repártense os usuarios entre toda a oferta de todo tipo de centros; cando baixe a matrícula nos centros públicos, amortizan prazas de persoal, peche de centros…e o cadro final será un mosaico de empresas privadas prestando servizos públicos pagados a prezo de ouro polas contribuíntes.

E o máis grave de todo, se nos situamos na folla de ruta do PP: este modelo pode ser exportado para universidades privadas, centros de maiores privados, etc. Van a utilizar a gratuidade nos centros privados para desmantelar os servizos públicos? Está garantida a calidade da atención educativa nas escolas infantís privadas?

Nestas escolas infantís, que son mais ben garderías na maioría dos casos se atendemos ao modelo de servizo que se presta en moitas delas, as ratios de persoal por aula son moito menores pero ofrecen horarios para o alumnado máis amplos e tamén horas de permanencia nos centros, aínda que moitas das veces rocen a ilegalidade.

O público é servizo, o privado beneficio!