Dende a CIG-Administración Autonómica denunciamos a rebaixa da calidade dos menús escolares pola inflación. 

Vimos de remitir un escrito ao conselleiro de Educación en demanda de que se revisen e actualicen as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares. O gasto que se destina é de aproximadamente 2,30 € por alumno/a e día, que inclúe os produtos de alimentación e limpeza. Un investimento que non se ten actualizado nunca, cando as familias están a pagar 5 euros, máis do dobre do que realmente se está a investir na alimentación dos seus fillos e fillas.

Na CIG consideramos que ese incremento debe ser de, polo menos, un 20% sobre as contías vixentes, en función do tipo de comedor (A,B,C,D,E,F) e do tipo de alumnado, se son de Educación, Infantil/Primaria ou Educación Secundaria.

Denunciamos que os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que teñen un servizo de cociña quente, centralizado e xestionado directamente polo persoal de cociña, encargados de comedor, máis a dirección dos centros, estanse vendo moi afectados pola inflación.

Xa os anos de pandemia (Covid 19) tiveron un importante impacto no prezo e aumento do consumo dos produtos de limpeza e desinfección así como nas luvas, bobinas de papel etc.. A escaseza provocada polo aumento da demanda repercutiu nunha suba moi considerable dos prezos de mercado, sendo estes produtos de uso común no día a día tanto nas cociñas como nos seus respectivos comedores para poder minimizar os riscos en canto a seguridade alimentaria e saúde dos comensais que fan uso deste.

Inflación desbocada

A inflación que estamos a sufrir desde o curso escolar 2021-22, e que perdura neste curso 2022-23 está provocando unha alza dos prezos dos alimentos considerados como básicos (grans, verduras, froitas, produtos lácteos e proteínas) imprescindíbeis na dieta diaria para a alimentación do alumnado. Unha suba que afecta especialmente aos produtos frescos.

Esta situación está obrigando ao persoal de cociña a modificar os menús e, por conseguinte, a reducir a calidade da materia prima empregada para a súa confección, empregando produtos de segunda, terceira e cuarta gama (non perecedoiros) en detrimento de produtos frescos (perecedoiros). Estamos diante dunha situación moi complicada que produce unha grande carga de traballo e presión no ámbito laboral ao persoal de cociña, ao non ter os recursos de materias primas necesarias para realizar o seu traballo coa calidade profesional que deben mostrar os servizos públicos que se ofrecen.

Calidade, saúde e necesidades nutricionais

Na CIG consideramos que os menús escolares teñen que ir orientados cara unha alimentación de calidade, saudábel e sostíbel, adaptada ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade. Nese senso, o xantar é, ademais, a comida máis importante do día, polo que non se pode reducir a calidade dos alimentos para poder manter este servizo.

Unha boa alimentación favorece a saúde, serve de prevención contra moitas enfermidades producidas polo déficit nutricional e é fundamental durante a etapa de crecemento do alumnado.

Por todo isto é importante que os centros escolares aporten un xantar equilibrado e básico para compensar a carestía da vida das familias e minimizar a repercusión da suba dos prezos na saúde e no rendemento escolar do alumnado. Na CIG defendemos uns servizos públicos de calidade cunha atención integral en toda a etapa de escolarización na que a alimentación completa e saudábel é parte fundamental e demandamos que, de contado, se actualicen os investimentos para garantila.