O martes 22 de novembro tivemos unha Comisión de Persoal e Mesa Xeral onde se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Promoción do Emprego e Igualdade, 2) RPT de funcionarización das categorías V-001 e V-011, 3) Orde de flexibilización horaria por conciliación familiar, e 4) Orde de integración do persoal laboral fixo do Consorcio I+B.

RPT de Promoción do Emprego e Igualdade

Coa abstención da CIG e CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT creáronse con cargo a fondos finalistas estatais 136 postos postos das escalas de orientación laboral (130 postos nas oficinas de emprego e 6 postos en servizos centrais). En adaptación á estrutura orgánica da consellería modificouse tamén a denominación dalgunhas unidades e creáronse en servizos centrais unha subdirección xeral, un posto de secretario/a de director/a xeral e tres xefaturas de servizo. Amortizan oito postos de traballo (sete vacantes e un ocupado en comisión de servizos).

Dende a CIG expuxemos que estamos a favor da creación en rpt dos postos de orientación laboral con carácter permanente, porque é unha vella demanda nosa, mais entendemos tamén que o financiamento debe ser permanente e non a través de fondos finalistas. Tamén que estamos en contra da apertura de postos a outras administración sen reciprocidade e da amortización de postos.

RPT de funcionarización das categorías V-001 e V-011

  • Non tivemos resposta ás alegacións que xa presentaramos sobre prazas concretas.

  • Mandaron unha segunda folla de datos máis incomprensible que a primeira. Solicitamos unha explicación polo miúdo da información. Nomeadamente preguntamos que van facer coas medias xornadas e, sobre todo, unha cuestión fundamental: pode haber funcionarios a media xornada?

  • Esiximos a retirada do nivel 9 e que se aplique o mínimo establecido para a Agrupación Profesional (nivel 10).

  • A retribución dos pluses de persoal laboral debe facerse a través da suba de niveis. Os pluses recoñecidos por sentenzas xudiciais individuais deben ser aplicados a todo o persoal que desenvolva o mesmo traballo nas mesmas condicións. Nese senso solicitamos que nos informen dos postos que teñen recoñecidos pluses por sentenza xudicial.

  • Preguntamos que criterios son os que levan a propoñer para a funcionarización a determinados postos de media xornada, fixos-descontínuos, fins de semana e de 4 e 2 horas de xornada respectivamente. Esiximos que se funcionaricen todos os postos de media xornada e que se reconvertan en xornadas completas.

  • Preguntamos pola situación dunhas 100 persoas que están en destino provisional como persoal laboral e que non tiveron a opción de funcionarizarse. Que van facer con elas?

  • Na columna de observacións mantense a observación “XORNADA IRREGULAR, SEGUNDO ACORDO CO COMITÉ INTERCENTROS DE DATA 10 DE XUÑO DE 2008”. Solicitamos unha explicación a como se vai a traspoñer o acordo do comité intercentros ao persoal funcionarizado.

  • Entendemos que as listas de contratación temporal se teñen que unificar antes do proceso de funcionarización. Preguntamos como se van a cubrir en caso de IT, vacacións....etc aqueles postos que non se funcionarizan.

O director xeral de Función Pública di que de 629 postos, só hai 1 ao que van ter que meter o complemento de funcionarización. Examinarán as sentenzas de pluses e trasladarán os importes a esta RPT. Temos ata o mércores 23 para presentar alegacións por escrito.

Orde de flexibilización horaria por conciliación familiar

Para a CIG:

  • Esta Orde de flexibilidade vén dar cumprimento ao establecido na Lei 5/2021 de Impulso demográfico de Galiza. A demora na súa implantación imposibilitou que moitas persoas con fillos/as maiores de 12 anos, pero menores de idade, non puideran facer realidade o seu dereito a conciliación.

  • Solicitamos dar cumprimento a obriga legal de ter un Plan de Igualdade e esiximos
    negociar esta orde dentro dese ámbito.

  • Solicitamos a inclusión nesta Orde das outras entidades instrumentais do sector público autonómico indicadas na alínea b) do art. 45 da LOFAXGA.
  • Denunciamos que o persoal non docente que presta servizo nos centros de ensino non pode quedar excluído. En xeral estamos en contra das exclusións a priori se as necesidades de servizo e o número de efectivos fan viable permitir a conciliación.

  • Nos supostos de flexibilidade horaria por conciliación deben engadirse os supostos de familias monomarentais e monoparentais. Deben incluírse todos os casos que sexan análogos ao matrimonio. Como consecuencia disto, no artigo 5 que se fala das solicitudes, deben incluírse estes casos.

  • No art. 2.c) engadir “Convivir ou estar acreditado como persoa de referencia na atención e o  coidado de familiares que por enfermidade ou avanzada idade necesiten asistencia”.

  • No art. 3 onde fala do marco horario e do horario diario de referencia solicitamos engadir que dentro dese horario diario de referencia establecido, o persoal empregado público poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando se cumpran todas as horas de traballo aplicables en cómputo mensual. Tamén solicitamos engadir que previamente a autorizar ou denegar unha flexibilización deben ser oídos os órganos de representación do persoal.

  • No caso das solicitudes denegadas por necesidades de servizo propoñemos substituír o trámite de "reconsideración da solicitude" por unha negociación entre as partes para chegar a un acordo que conxugue as necesidades de conciliación e do servizo, da cal debe informarse aos órganos de representación do persoal.

  • Solicitamos atender as necesidades específicas da atención do posto e as de conciliación tamén a través dun proceso de negociación e que non se negue a posibilidade de poder facer en xornadas completas a priori, polo menos naqueles casos en que a persoa traballadora xa cumpriu coa totalidade do saldo mensual.

  • Solicitamos que o establecemento dun marco horario propio sexa a través dun procedemento negociador coas organizacións sindicais e non de forma unilateral polas secretarías xerais técnicas.

  • Entre os criterios de prioridade debe contemplarse tamén ás persoas maiores a cargo.

  • No caso do art. 5.f) (procesos de nulidade, separación ou divorcio) procede a inclusión de todos os casos análogos ao matrimonio así como a inclusión dos supostos de acordos extraxudiciais de custodia.

  • No art. 6 as causas de cesamento por necesidades do servizo deberíase substituír por “causas extraordinarias ou de forza maior debidamente negociadas”.

  • Entendemos que a ampliación da flexibilidade ata a maioría de idade dos menores debería facerse de xeito automático sen necesidade de nova solicitude.

  • Consideramos que a aplicación da flexibilidade horaria á xornada da persoa traballadora debe producirse con independencia da modalidade de traballo (traballo presencial ou teletraballo). Consecuentemente a iso, solicitamos a posibilidade de compensación do saldo de horas mensuais pendentes ben de xeito presencial ou ben durante a xornada de teletraballo.

Orde de integración do persoal laboral fixo do Consorcio I+B


A orde de integración é similar á do persoal laboral fixo doutros entes que xa se integraron como persoal laboral fixo da Xunta. Solicitamos unha solución ao tema das titulacións, nomeadamente á necesaria para exercer na categoría III-50 (técnica especialista en xardín de infancia). Preguntamos se existen algún persoal fixo con problemas de titulación.

Denunciamos que o non ter a RPT aprobada supón facer unha integración a cegas porque nas retribucións do persoal do Consorcio non figuran os complementos tal e como están establecidos no V Convenio.