Ante a falta de persoal substituto nas listaxes de contratación temporal actualmente en vigor, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,  procedeu á selección de persoal a través do SEPE para dar cobertura ás necesidades de persoal dos centros de traballo. 

Esta situación de esgotamento das listas e a selección de persoal para fornecelas, impide calquera seguimento das contratacións e das propias listaxes, pois non pode ser comprobado nin pola representación sindical nin polas propias persoas integrantes das listas, xa que non están publicadas en ningures.

Tras esta selección de persoal, o Consorcio procedeu a facer os chamamentos para cubrir as necesidades dos centros, en moitas ocasións sen esgotar as listas en vigor como é preceptivo (como por exemplo sucedeu nas escolas de Vigo-Valadares, Poio, Forcarei, Crecente, Cerdedo, entre outras).

Moitas traballadoras e traballadores que estaban agardando o chamamento para as coberturas de permisos e vacacións neste mes de decembro, observaron como se lles ofrecían as prazas as  persoas que acababan de seren seleccionadas sen que, previamente, lles foran ofertadas previamente a elas, véndose así gravemente prexudicadas. Esta é unha situación que se repite, nesta época do ano, dende hai tempo.

A CIG reiteramos, unha vez máis que: 

  1. As listas de contratación do CGSIB non cumpren cos preceptos constitucionais, traducidos en transparencia.
  2. Non se poden facer chamamentos a persoas seleccionadas polo INEM sen antes esgotar os chamamentos polas listas actuais e incumprir as propias bases.
  3. Os ámbitos de chamamentos son provinciais, polo que o persoal chamado ten que aceptar contratos cunhas distancias do seu domicilio que nalgúns casos non lles permite conciliar a súa vida persoal e laboral e, a maior parte deles, no ámbito rural e sen transporte público. Por outro lado os contratos precarios que se lles ofertan, non lles permiten, en moitos casos, cubrir os gastos de desprazamentos e/ou aloxamento.
  4. A Comisión de Seguimento de listas do Consorcio non ten presenza nin control sindical.