Os sindicatos con representación na Mesa Xeral, CIG, CCOO, CSIF e UGT, asistimos a unha xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar as convocatorias e temarios dos procesos de estabilización (derivados da Lei 20/21), xunto coas ofertas de emprego público (OEP) ordinarias do ano 2022 de Función Pública e das escalas sanitarias (Lei 17/89). Función Pública retirou finalmente a OEP ordinaria, e deu información doutros asuntos que relatamos en "Outras informacións"

Tes a túa disposición as bases das convocatorias, os temarios, e as ofertas de emprego que nos entregaron para a Mesa Xeral do luns 19: ligazón.

Convocatorias dos procesos selectivos da Lei 20/21

  • As bases irán á Mesa Xeral para a que estamos convocados o luns 19. Serán aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21. E de aí, ao Consello da Xunta e DOG (antes de rematar o ano).
  • Prazas: publicaranas no web. Indicarán as prazas que corresponden a cada escala/categoría. Non haberá prazo de alegacións, pero si corrixirán calquera erro que se poida detectar. Publicarán as iniciais e 4 díxitos do DI das persoas que as ocupan.
  • En canto á escala en que se publica unha praza, fano seguindo a sentenza, non as funcións.
  • Prazo de solicitudes para os procesos de estabilización: comezará o 16 de xaneiro. Ata esa data poderían corrixir erros nas prazas.
  • Retiran as prazas do persoal funcionario interino que pola Lei 4/88 (LFPG) pasou a laboral.
  • Inclúense unhas 40 prazas aportadas polas consellerías. E algunha máis aportadas polos sindicatos.
  • Proba de galego nos entes que fan a súa propia convocatoria: hai a posibilidade de que sexa conxunta nos entes. Pero non é criterio obrigatorio, polo que os entes son libre para decidir.
  • O tope de idade para presentarse son os 67 anos, que é a idade de xubilación obrigatoria.

Temarios estabilización

O DXFP fai un repaso dos cambios (eliminan, engaden e refunden temas). Estes cambios xa estarían incorporados aos borradores que enviaron para a Comisión de Persoal. Menciona cambios en: parte xeral de A1, arquitectos, expertos lingüistas, enxeñeiros técnicos agrícolas, auxiliar informática e auxiliar de mantemento.

A CIG manifesta o seguinte:

  • Os temarios enviados seguen sen dar resposta as alegacións feitas polo persoal e por esta central sindical.
  • Os temarios das distintas categorías dun mesmo subgrupo non teñen un número de temas equitativo. Atopamos dentro dun mesmo subgrupo, categorías con moitos máis temas que outras.
  • Os temarios teñen contidos pouco concretos, de maneira que existen temas cuxa amplitude pode resultar inabarcable pola redacción xeral dos seus contidos.
  • Os temarios de algunhas categorías non corresponden nos seus contidos co traballo a desenvolver polo persoal que ocupa os postos desas categorías.
  • Nin sequera os temarios da parte xeral son os mesmos para todas as categorías dun mesmo subgrupo, entón non se comprende a denominación “parte xeral”, xa que non é xeral para tódalas categorías dese subgrupo, de feito, algunha categorías non levan sequera parte xeral.
  • Como nos temarios enviados na ocasión anterior, comprobamos que os temarios foron elaborados sen unha adecuada reflexión, con cortas e pegas.
  • Queremos sustituír temas por normas de dereito. Se non é posíbel, elaboración de manuais ou como mínimo referencias bibliográficas.
  • Deben modernizar e concretar máis os contidos. Hai contidos obsoletos ou desfasados.

Oferta de emprego pública ordinaria 2022

Refírense tanto á OEP dependente da Dirección Xeral de Función Pública como a de persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), dependente de Sanidade. Irá a Mesa Xeral o luns 19, e aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21.

Outras informacións

Carreira profesional: van unhas 17.000 solicitudes presentadas. A maioría cumpren os requisitos. Os incidentes serán tratadas máis adiante.
Queren pagar na primeira quincena de xaneiro.

Procesos selectivos en execución: Entre esta semana e a que ven sairá o baremo definitivo de enfermería, sicólogos, aux. enfermería, e pode que algún mais. Tentarán que saian todos os definitivos neste ano. Algún pode que saia no web pero non no DOG. Elección destino pendentes: procurarán sacar as prazas no web (polo día 22?)