OEP extraordinaria 2022 

Na negociación das bases das convocatorias de estabilización da Gain as présas, como xa é habitual na Administración, deixan as cousas para última hora cunha negociación exprés con apenas tempo para estudar a documentación, a súa análise e a participación co persoal. Conseguimos que se puideran presentar alegacións ao borrador ata o martes que vén e unha nova xuntanza para que non “despacharan” á primeira. 

Estas son as cuestións que destacamos:

  • Das 51 prazas totais  que se ofertan na OEP, 49 son as que pertencen á Axencia con convocatoria propia polas súas condicións (non están no VCCU). A Gain pretende sumarlle un 10% adicional sen máis (5 prazas). Estamos á espera de saber cales son, xa que a explicación que nons deron era un pouco rara, no sentido de que podían estar compartidas con Función Pública, xa que as persoas tiñan antigüidade nas dúas partes. 
  • O procedemento de presentación de solicitudes é farragoso e ademais sinala tamén un correo electrónico no que “avisar”. Solicitamos un procedemento normalizado como o resto dos procesos selectivos. 
  • Tras a petición de CCOO a Gain vai valorar baixar a puntuación do coñecemento da lingua e traspasalo a outros méritos, como o tempo como bolseiros/as, etc. Opoñémosnos e solicitamos que se manteña o equilibrio nas bases, pois é mais seguro, xusto e recíproco.
  • Pretenden valorar os máster que non se valoran nas bases da Xunta (e ademais estudarán se deben ser homologados ou oficiais ou non) e introdúcenos en dous apartados, independentes incluso das titulacións, e tamén formacións relacionadas coas prazas que deu expresamente a entidade, ou incluso os "entes nos que se subrogou". 
  • Van valorar o tempo traballado nos “entes que se subrogaron” de igual forma que no propio ente. Deben especificar cales son eses entes dos que se subrogou.
  • Eliminan o apartado de valoración de ter superadas probas anteriores, porque para a GAIN non houbo procesos selectivos con fase de oposición, e os puntos que lle corresponden (7,5) traspásanos a outros méritos. 
  • Vemos un pouco raro que apareza nas bases a autoavaliación e, ao mesmo tempo, por unha suposta axilidade, queiran que as persoas aspirantes metan toda a documentación coa solicitude. En todo caso, opuxémonos sempre á autoavaliación, e máis se non se revisan todas as solicitudes.
  • Non aclaran se a proba de galego previa a faría Función Pública ou a convocarían eles.

Nas manifestacións por parte da GAIN parece que non contan con que é un proceso aberto e se poden presentar outras persoas ademais das que xa están a traballar na casa. Avisamos que hai que ser cautelosas coas bases para que o proceso estea equilibrado e o máis axustado á OEP e á normativa, xa que doutra forma poderíase tumbar todo o proceso selectivo, prexudicando a estabilización.

Temos para presentar achegas ao texto ata o martes 20 ás 14 h. Podes contactar connosco dende aquí.