Plan de formación 2023. Novas bases e condicións de participación nas actividades formativas

Plan de formación 2023

A CIG presentoulle á EGAP o pasado 5 de decembro unha amplísima proposta de formación de todos os sectores de actividade de cara ao plan anual de formación do ano 2023.

A EGAP recolleu bastantes propostas da CIG no seu plan de 2023, un plan cunha oferta moi ampla e que avanza na consolidación de distintas modalidades de formación (presencial, teleformación, autoformación, telepresenza, mixta, etc.). Non obstante, tamén é certo que hai determinadas áreas de actividade cuxas propostas non callaron, como é a formación para o persoal de loita contra incendios, de medio rural, de medioambiente; a formación relativa á educación infantil de 0-3 anos e residencias de maiores; a formación de cociñas e comedores escolares; a formación destinada ao persoal de limpeza ou ao persoal sociosanitario e educativo non docente, incluído o de educación especial.

A EGAP respondeu que cren que algunhas destas materias sen presenza no plan de formación non son competencia da EGAP, como a formación de incendios, que consideran que está no ámbito competencial da Academia Galega de Seguridade Pública. En canto á formación de persoal que traballa en residencias de maiores é un segmento sobre o que indican que forman, pero non sempre en formación continua, senón en formato de cursos monográficos, e non pensan deixar de facelos neses formatos.

Consideramos que o que procede é, amais das propostas dos sindicatos para o plan anual de formación, a realización previa á súa elaboración dun estudo sistemático de detección das necesidades formativas de todo o persoal, tanto cuantitativo como cualitativo (enquisas directas a todo o persoal, entre outros), semellante ao que debería terse levado a cabo no marco da diagnose do I Plan de Igualdade da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que, non obstante, segue paralizado e sen visos de poñerse a andar, mesmo tratándose dun plan obrigatorio por Lei hai 15 anos. Deste xeito, a oferta formativa respondería con maior exactitude e elaboraríase consonte as necesidades detectadas de todo o persoal en cada momento, e conseguiríase unha maior motivación por parte do persoal que non solicita formación porque non atopa as súas necesidades cubertas.

Promoción interna

Os cursos de formación para a promoción interna non hai previsión de deixar de celebralos. Van de man do calendario que marca Función Pública neste asunto e procederán como en anos anteriores a convocalos en función dese calendario.

Cambios de criterios de acceso á formación continua da EGAP

Criterios suprimidos:

  • Prioridade do persoal fixo sobre o temporal, debido á normativa europea e transposición ao noso sistema xurídico.
  • Prioridade na teleformación para persoas que acrediten dificultades de acceso á formación presencial.
  • Limitación de acceso no caso de exceso de participantes dunha determinada consellaría ou departamento.

Criterios novos:

  • Horas de formación dos cursos para os que a persoa teña sido seleccionada no ano en curso (ponderarase coas horas de formación recibidas no ano natural inmediatamente anterior)
  • Menor número de actividades académicas realizas nos últimos 5 anos.
  • Orde alfabética de acordo co sorteo anual da DX da Función Pública para a orde de actuación de aspirantes en todas as probas selectivas.
  • Preferencia do persoal que tivese superado o nivel inmediatamente anterior no caso de cursos estruturados en varios niveis (coa posibilidade de reservar unha cota para o persoal que acredite posuir os coñecementos necesarios sen ter cursado o nivel anterior).

Criterios modificados:

  • Horas de formación en cursos recibidas ou recoñecidas pola EGAP no ano inmediantamente anterior (antes era nos 2 últimos anos contados dende a data de publicación da convocatoria)
  • Reserva dunha cota non inferior ao 7% para persoas con discapacidade (antes era do 5%)
  • Adición dunha puntuación dun 5% para as persoas que tivesen gozado nos 2 últimos anos dun permiso por motivos de conciliación da vida laboral, familiar e persoal e dunha excedencia por coidado de familiares

Criterios que se manteñen:

  • Relación entre o contido do curso e o posto de traballo
  • Criterios determinados nas convocatorias

Con estes cambios a EGAP busca facilitar o acceso e ser máis equitativa, á vez que responde ás peticións dos sindicatos e ao que dita a normativa europea e xurisprudencia.

Por fin remata a restrición no acceso á formación segundo o tipo de contrato que teña a persoa traballadora, e finaliza unha situación que prexudicaba a moito persoal, dados os altísimos índices de temporalidade estrutural, ademais de supoñer unha discriminación indirecta de xénero, dado que a maioría do persoal temporal é muller. Non obstante, chega bastante tarde para o persoal en abuso de temporalidade: en decembro de 2022 e ás portas dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021. 

Preguntamos polos motivos da supresión da prioridade na teleformación para as persoas con dificultades de acceso á formación presencial. A EGAP argumenta que é debido á elevada oferta de teleformación existente, aínda que de entrada consideramos que debería manterse por motivos de conciliación. A formación é un dos aspectos obrigados que entran no ámbito de actuación do Plan de Igualdade, polo que todo o programa formativo da EGAP debería non só responder ás necesidades concretas do persoal tras unha diagnose exhaustiva senón, ademais, contemplar medidas de conciliación, entre outros, definidas consonte as necesidades detectadas no persoal. Esta cuestión, de todas maneiras, non quedou pechada por parte da EGAP.

Acceso do persoal á puntuación das solicitudes de formación e das causas de denegación

Con respecto aos criterios de acceso á formación, preguntamos de novo polo acceso do persoal aos motivos da denegación dos cursos e o dereito a coñecer a puntuación obtida con cada solicitude, pero non houbo ningunha resposta por parte da EGAP.

Formación en lingua galega

Existe unha gran demanda de formación en galego que non se satisfai. Moito persoal ten dificultades para acceder aos cursos de linguaxe administrativa. Á vista do convenio con Política Lingüística prográmase entre 2020-2025 un total de 35 cursos de linguaxe administrativa media e superior, o que supón en total 8 cursos ao ano compartidos con persoal doutras administracións. Cremos que é posíbel explorar outras vías para ampliar estas e outras posibilidades formativas en galego para o persoal.

Rexistro de persoal formador da EGAP

Indícámoslle á EGAP que nos gustaría ter información sobre este rexistro, ao que non temos acceso. En concreto, temos interese no reparto da carga docente entre as persoas formadoras inscritas que cumpren os requisitos. Botamos en falta a transparencia porque non sabemos cantas persoas hai inscritas por cada categoría e disciplina. No caso de máis dunha persoa inscrita que cumpra cos requisitos, a carga docente debería repartirse entre ese persoal, e que non imparta a formación sempre a mesma persoa. Non houbo reposta por parte da EGAP tampouco nesta ocasión.

Curso de informática para as persoas que aprobaron o C2

Vai facer este curso a EGAP? En que datas e como será o procedemento? Preguntamos de novo sobre esta cuestión pero quedou sen resposta. Veremos se a EGAP pode facilitar información en breve.